Alberto Martí: “As praias, lagoas costeiras, marismas e dunas de Barbanza están en perigo por mor da suba do mar”

29 Novembro 2019
O profesor e investigador Alberto Martí na terraza da Facultade de Historia na USC

Unha investigación publicada en outubro pola revista Nature Communications mostra con claridade de detalles a importante franxa costeira dos continentes que se vería anegada polo mar dentro de trinta anos. Deste proceso, Barbanza non vai ficar á marxe, en parte pola súa relación directa co mar (Barbanza é case unha illa) en parte porque atesoura contornas baixas onde o equilibrio de forzas entre terra e mar é especialmente sutil e delicado (abondaría un pouco de presión por parte da auga, para que a auga gañase a partida). Zonas como as lagoas de Carregal e Vixán, as praia do Vilar, Carragueiros e Coroso veríanse seriamente afectadas. Nós, en O Barbanza, quixemos calibrar exactamente o volume da catástrofe e, sobre todo, se será irreversíbel e se aínda se pode facer algo para freala. O que está claro é que con independencia de todo o demais, cómpre poñerse a traballar para reducir as emisións, dende xa. Así nolo recorda Alberto Martí Ezpeleta, profesor de Xeografía Física da Universidade de Santiago, con quen puidemos clarificar conceptos e entrever o futuro que nos agarda (e que, como vimos os días pasados en Venecia, xa está aquí).

-Alberto, non é só que o informe publicado por Nature Communications sexa especialmente preocupante sobre os efectos do desxeo e da suba do nivel do mar, é que xa podemos ver as primeiras consecuencias disto no repunte de anegamento de certas contornas sensíbeis, como por exemplo Venecia. Estamos nunha situación de emerxencia, pero estamos a tempo de detela ou paliala ou xa non hai remedio?

-Son moitas as evidencias que demostran a existencia dun quecemento global que se está a manifestar desde hai unhas décadas a través de numerosos cambios e tendencias en procesos e fenómenos de tipo atmosférico, nas masas de auga oceánicas ou entre os seres vivos que conforman a biosfera da Terra.

Un desas evidencias foi, sen dúbida, o intenso episodio de acqua alta que viviu estes días Venecia, un fenómeno habitual todos os anos, pero que nesta ocasión foi inusualmente anómalo, alcanzando os 187 cms. Desde 1966, cando se alcanzaron os 194 cms, non se producía un asologamento tan intenso. A coincidencia de marea alta, con baixas presións e con ventos que empuxan a auga da superficie mariña amoreándoa no interior da lagoa de Venecia son os principais responsábeis. O aumento constante do nivel de mares e océanos en todo o planeta debido á fusión das masas de xeo, así como ao quecemento e posterior aumento do volume das masas oceánicas, constitúe un novo factor de risco para a cidade de Venecia, que vai ver como episodios intensos de augas altas que antes eran pouco frecuentes vanse ir convertendo cada vez máis en fenómenos habituais.

O mesmo acontecerá noutros moitos espazos costeiros sensíbeis por mor da súa baixa altitude con respecto ao nivel medio do mar, pois o ascenso lento pero continuado que este está a experimentar, aumentará a frecuencia e agravará os impactos debidos a inundacións por augas mariñas e a erosión por forte ondada.

Estamos a entrar xa nunha situación de emerxencia en moitos deses espazos costeiros máis sensíbeis, e o máis preocupante é que a tendencia de aumento do nivel do mar vai continuar durante séculos. Este aumento poderá ser máis rápido ou máis lento en función das medidas de mitigación que se tomen para minimizar o quecemento global do planeta.

No Informe especial sobre o océano e a criosfera nun clima cambiante, elaborado polo IPCC e aprobado o 24 de setembro de 2019 polos 195 gobernos membros que conforman ese órgano, achéganse novos indicios que evidencian os beneficios da limitación do quecemento global ao nivel máis baixo posíbel, en consonancia co obxectivo que os propios gobernos marcáronse no Acordo de París de 2015. Unha redución urxente das emisións de gases de efecto invernadoiro limitaría a magnitude dos cambios nos océanos e nas masas de xeo.

Zonas en risco da comarca do Barbanza

-Din algúns investigadores que os efectos do desxeo xa hai tempo que se están a producir, pero que non saltaron aos titulares porque non foron subidas que se apreciasen a simple vista. É certo que o nivel do mar leva subindo dende hai décadas aínda que non nos decataramos?

-Si, é totalmente certo. Durante o século XX, a elevación do nivel do mar a escala mundial foi duns 15 cm (ao redor de 1,5 mm cada ano), pero nas últimas décadas o ritmo de ascenso practicamente duplicouse (3,6 mm por ano) e non deixa de acelerarse, segundo se evidencia no último e recente informe do IPCC que antes mencionei. Para a elaboración do informe, como vén sendo habitual, máis de 100 especialistas de 36 países avaliaron a bibliografía científica máis recente sobre os océanos e a criosfera. Por iso, e desde os seus comezos na década de 1980, o IPCC é o organismo con maior fiabilidade e de maior recoñecemento en materia de cambio climático.

No informe aprobado o pasado mes de setembro afírmase que: “O nivel do mar seguirá subindo durante séculos. De aquí a 2100 podería chegar a rexistrar unha elevación de entre aproximadamente 30 e 60 cm, mesmo aínda que se logre unha redución drástica das emisións de gases de efecto invernadoiro e o quecemento global mantéñase moi por baixo de 2°C. Con todo, se as emisións seguen aumentando con forza, a subida do nivel das augas podería ser da orde de 60 a 110 centímetros”.

Nos últimos decenios, o nivel do mar subiu cada vez máis rápido por mor das crecentes achegas de auga debidas á fusión das masas de xeo de Groenlandia e a Antártida, ou do desxeo dos glaciares, así como á expansión térmica da auga debida ao aumento da súa temperatura.

Zonas críticas do concello de Ribeira

-Está a península do Barbanza entre as zonas de Galicia onde máis se van deixar notar as consecuencias da subida do mar, e, dentro de Barbanza, que partes serían as máis críticas?

-Antes de contestar, cómpre recordar que a investigación de Nature Communications é unha investigación alarmante. Nela dise que desaparecerían o castro de Baroña, as dunas de Corrubedo ou que Aguiño se convertería nunha illa. Para que isto sucedese terían que fundirse na súa totalidade os casquetes de xeo de Groenlandia e da Antártida, algo que non se producirá nin moito menos no século XXI.

Para poder coñecer os posíbeis efectos que o ascenso do nivel do mar poida ter nas costas de Galicia e, máis concretamente no litoral da península do Barbanza, temos que ter en conta os resultados publicados polo IPCC, que como xa vimos prevén un aumento do nivel do mar a finais do século XXI entre 30 e 60 cms, podendo alcanzar os 110 cms no caso dun incremento intenso das emisións. Póndonos no peor suposto, o do ascenso de 110 cms, a península de Aguiño nunca se convertería nunha illa, pois as terras do interior alcanzan cotas de altitude entre 5 e 8 m. O castro de Baroña, situado sobre un saínte rochoso, atópase na súa maior parte por enriba dos 7 m sobre o nivel do mar, polo que non quedaría alagado e, iso si, poderíase ver afectado por episodios de forte ondada, pero nunca en perigo de desaparición. No caso do Parque Natural de Corrubedo, onde boa parte da súa superficie está composta por ambientes de carácter marítimo-fluvial, como marismas e lagoas, si que ese aumento de 60 ou de 110 cms a finais de século alterarían de forma intensa estes ecosistemas, facéndoos desaparecer na súa maior parte. No caso das dunas situadas en primeira liña sufrirían en maior medida a erosión da ondada en períodos de marea alta, o que podería dar lugar a un desmantelamento destas ou o seu desprazamento cara ao interior.

Areais, praias, lagoas litorais, marismas e cordóns dunares son os ambientes máis vulnerábeis tanto no Barbanza como no resto de Galicia ante o ascenso do nivel do mar.

-Por que os gobernos, organizacións e corporacións mundiais que poden facer algo de verdade para frear ou problema non dan aplicado ningunha medida efectiva?

-Nos últimos informes do IPCC e doutros organismos científicos destácase a necesidade de actuar con carácter urxente na mitigación do quecemento global a través de moi diferentes medidas. Pero entre elas a máis importante é a redución da emisión de gases con efecto invernadoiro, pois son estes os que, como xa se demostrou, son os causantes principais do incremento das temperaturas en todo o planeta. Son moi contadas as voces que negan tal relación, aínda que o problema é que entre elas se inclúen as dalgúns altos e irresponsábeis dirixentes políticos de países con elevadísimas emisións de gases invernadoiro, o que está a supor un verdadeiro problema á hora de avanzar na toma de medidas decididas e urxentes para minimizar as dicir emisións.

Debra Roberts, co-presidenta do Grupo de Traballo II do IPCC, explicou: “Só poderemos manter o quecemento global moi por baixo de 2°C con respecto aos niveis preindustriales se aplicamos transicións sen precedentes en todos os aspectos da sociedade, por exemplo, nos ámbitos da enerxía, a terra e os ecosistemas, as zonas urbana, as infraestruturas, e a industria. A adopción de políticas climáticas ambiciosas e a redución das emisións de gases invernadoiro son necesarios para dar cumprimento ao Acordo de París e para protexer os océanos e a crioesfera e, en última instancia, permitir velar polo conxunto da vida na Terra”.

O problema do cambio climático é complexo e aínda a sociedade e moitos gobernantes non o perciben como algo real, senón como algo afastado e impreciso. Os seus efectos non se perciben igual cós dun furacán, ou os dunha seca, ou un episodio intenso de inundacións, onde hai mortos e moitos danos materiais. Maniféstanse a través de moitos procesos e fenómenos daniños (atmosféricos, oceánicos, biolóxicos) que a sociedade coñece e que son habituais en cada territorio, pero non percibe ben como están a cambiar, como son máis frecuentes e intensos. Só a análise dos datos científicos permite ver con claridade o que está a ocorrer a través de gráficos e mapas. É por iso moi necesario que científicos e especialistas na comunicación unan esforzos para informar, comunicar e sensibilizar á sociedade e aos nosos gobernos para que tomemos entre todos medidas (desde a escala individual até a escala mundial) urxentes e efectivas. O custo económico das ditas medidas é outro dos importantes obstáculos para a súa posta en marcha, e son moitos os países que non poden ou non se atreven a implementalas polo hipotético impacto económico que poidan ter.

Outros artigos

O novo Auditorio de Ribeira abrirá o sábado 1 de xuño

O novo Auditorio Municipal de Ribeira abrirá as súas portas o sábado 1 de xuño e para celebrar a súa apertura, a Concellería de Cultura está a organizar unha programación especial que se estenderá ao longo de todo o mes. Esta coincidirá co "Xuño dá Cultura e as...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...