20191016. O Centro de Educación Especial Amicos desenvolve TICNEATE, unha iniciativa xurdida neste novo curso escolar co obxectivo de ofrecerlle aos usuarios un novo modelo de vida a través dos beneficios que proporciona a tecnoloxía, ao tempo que se fomentan valores e coñecementos propios da sociedade actual coma o traballo en equipo, a xeneralización dos robots, tablets e realidade virtual, entre outros.
Adscrito á citada iniciativa, atópase o proxecto MEET AND CODE, o cal está financiado pola Unión Europea. Deste xeito, perséguese a iniciación no mundo da robótica mediante diversas actividades coma, por exemplo, a identificación de material, creación de videoxogos, creación de robots, beneficios da robótica ou comprobar os seus usos. Así, na xornada de hoxe tivo lugar un showroom a cargo de We Robots, polo que os usuarios do centro tiveron a oportunidade de manexar robots, deseñar a través de impresora 3D, trazar circuítos, etcétera. Adrián, un alumno do centro, explicou os labores a desenvolver, tales coma o deseño de videoxogos ou a programación de movementos dun robot. “Actividades divertidas”, segundo manifesta.
Desde Amicos sinalan que a participación activa do alumnado neste programa “facilita a súa motivación para avanzar no uso da tecnoloxía no día a día.” Ao longo deste curso, continuaranse desenvolvendo diferentes actividades centradas na realidade virtual, dispositivos electrónicos, uso de aplicacións e redes sociais, así como seguir progresando no eido da robótica.