Ribeira convértese en sede permanente do programa de maiores da USC

30 Outubro 2019

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a creación no municipio ribeirense dunha sede permanente do programa universitario para maiores (IV Ciclo) da institución académica, tratándose da primeira fóra das cidades onde a USC concentra a súa actividade.

Logo de estampar as súas firmas no citado acordo, Manuel Ruiz amosou a súa satisfacción polo feito de que a veciñanza da contorna poida proseguir a súa formación. Así, expresou o seu agradecemento tanto ao reitor Antonio López como á vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, artífice da materialización desta acción colaborativa despois de que en anos anteriores se celebrasen con gran éxito de participación na localidade os Camiños de coñecemento e experiencia.

Tamén Antonio López mostrou a súa satisfacción por poder seguir achegando así a universidade á cidadanía coa primeira sede fóra das instalacións da USC. O reitor fixo fincapé na lonxevidade que caracteriza á veciñanza galega e que con iniciativas como esta “somos o laboratorio do que se vai facer no resto de Europa dentro de vinte ou trinta anos.” Ademais, anunciou que se está traballando para crear sedes externas noutros municipios e destacou o carácter multidisciplinar e transversal dos contidos que se imparten.

Respecto disto, o programa universitario para maiores de 50 anos arrancará ás 16.30 horas do martes, 5 de novembro, no Centro Cultural Lustres Rivas con Fundamentos do dereito.

Outras materias que se impartirán neste curso son Iniciación á bioloxía humana, Xeografía de Galicia, A política hoxe e Informática básica. Esta acción formativa estenderase ata o 17 de xuño e toda a programación comprende un total de catro anos, logo dos cales, aquelas persoas que a completen obterán unha titulación expedida pola propia USC.

Antes de rematar o evento, Antonio López firmou no libro de honra do Concello.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Nélida Piñón, eterna”. Alberto Barciela

“Nélida Piñón, eterna”. Alberto Barciela

Nélida Piñón fue, debería decir es, un ser de realidades inusitadas, desacostumbradas al menos. Pervive en su obra inmensa, en sus obras, en sus archivos, y sobre todo en el cariño de sus amigos, en el recuerdo de sus admiradores, en la evocación permanente de los...