
20191002. A sala de xuntas do Concello da Pobra do Caramiñal foi escenario este mediodía dunha rolda de prensa onde o goberno local, composto por Nós Pobra e PSdeG-PSOE, explicou o motivo do pleno extraordinario e urxente celebrado onte.
O alcalde Xosé Lois Piñeiro fixo un repaso por todo o acaecido desde as eleccións municipais de maio, precisando que cos socialistas “foi moi fácil chegar a un acordo e firmamos rapidamente un pacto de goberno que está funcionando, desde o punto de vista de Nós Pobra, á perfección.” No que respecta ao BNG, apunta que “nin tan sequera tivo o xesto de aprobarnos a dedicación exclusiva cando foi algo que sempre defenderon.” Desta maneira, aclara que “nós tampouco somos responsables das listas do BNG, de por que teñen que renunciar doce concelleiros e concelleiras e teñen que entrar a número trece e o primeiro suplente.” Engadiu que a sesión plenaria é “plenamente legal” e que “se pode considerar que aproveitamos unha oportunidade”, pero “o interese de Nós Pobra sempre ten que coincidir co interese público, no momento que iso non sexa así é mellor que nos disolvamos.” Deste xeito, o rexedor indicou que a aprobación destes puntos na sesión plenaria tradúcese “dándolle un mellor servizo á cidadanía”, cualificando de “necesarias” a dedicación exclusiva da Concellería de Servizos Sociais, Servizo Municipais e Benestar Animal, así como a contratación de persoal da secretaría da Alcaldía. Así mesmo, afirmou que “o BNG a través dun pacto está disposto a aprobar isto, polo tanto, saben que isto é necesario”, pois nas negociacións “solicita unha dedicación exclusiva para unha concelleira.” Tamén apuntou que o goberno pediu algo “que se da en todos os Concellos.” En canto ao PP, puntualizou que estiveron “dezaseis anos con dedicación exclusiva para un concelleiro, unha secretaria de Alcaldía dezaseis anos, e agora nolo negan sistematicamente.” “O noso é perfectamente legal, coherente co noso discurso de que o máximo é o interese público e non os intereses partidistas que son os que impiden aos demais partidos votar ao favor”, sentenciou. Finalmente, expresou que “non pechamos as portas a seguir negociando co BNG.”
Pola súa parte, Patricia Lojo, do PSdeG-PSOE, expresou que as negociacións con Nós Pobra foron “moi sinxelas, dialogantes e positivas”, decidindo entrar no goberno porque “pensamos que iso é o que ten que ser para un pobo.” A edil socialista describiu como “necesario” a dedicación exclusiva e o persoal de secretaría da Alcaldía. Ademais, entende que era un pleno “necesario para desbloquear unha situación, ou para ben ou para mal.”
Por último, a concelleira de Nós Pobra, Charo Varela, expuxo que son tres edís de Nós de Pobra e un do PSdeG-PSOE sen dedicación exclusiva e que “críamos que o BNG debería ter apoiado esta solicitude que nós facíamos.”