Día da Dorna e Martes de Entroido, festivos locais de Ribeira no 2020

29 Outubro 2019

Ribeira celebrou na tarde de onte o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro, o cal contou coa ausencia de Lola Elorduy, do PBBI. Primeiramente procedeuse á aprobación por asentimento da acta do pleno extraordinario do 27 de setembro, da acta do pleno extraordinario do 21 de outubro (sorteo de mesas de cara as eleccións xerais do 10 de novembro) e da acta do pleno ordinario do 30 de setembro.

A continuación, abordouse a determinación dos festivos locais para o 2020, sendo a proposta da Alcaldía manter o Día da Dorna e Santa Uxía, a cal non logrou saír adiante ao contar unicamente cos votos a favor do PP e os votos en contra das demais forzas da corporación. O BNG presentou unha emenda a este respecto que contou co respaldo dos grupos da oposición, na que se propoñía o Día da Dorna e o Martes de Entroido, así como potenciar a programación de Santa Uxía.

Outra das cuestións a tratar foi o expediente de desmunicipalización da lonxa de Aguiño para solucionar os problemas cos que se atopa a Confraría de Pescadores de Carreira-Aguiño á hora de acceder a fondos, segundo indicou o alcalde Manuel Ruiz. O punto saíu adiante cos votos favorables de tódolos partidos, exceptuando a abstención de Suma Ribeira.

Os grupos aprobaron por unanimidade a proposta do PSdeG-PSOE relativa ao proxecto de humanización da rúa Romero Ortiz de Santa Uxía, incorporándose a emenda do PP sobre a colocación de dous semáforos, mentres non se acometa a obra, co obxectivo de rebaixar o tráfico e “apaciguar a velocidade”, tal e como apuntou a concelleira María Sampedro.

O PSdeG-PSOE tamén levou a pleno un proxecto de mellora na zona deportiva de Samil, incorporándose a emenda aclaratoria do PP exposta pola edil Juana Brión para a redacción dun proxecto que inclúa un campo de fútbol con herba artificial, un valado perimetral do recinto deportivo e que se interese doutras Administracións unha subvención para a viabilidade da execución do proxecto. Esta iniciativa foi aprobada por unanimidade.

Por outra banda, o BNG propuxo a elaboración dun plan para reverdecer o municipio. Así, o PP presentou unha emenda que engade o contratar ese proxecto e, separa do mesmo, a restitución das árbores malogradas e sacar as especies invasoras cando as haxa. Ademais, agregouse a emenda de Suma Ribeira para a preparación dunha relación de árbores senlleiras, a trituración das podas para que sirvan de abono ou compost, a creación dos coñecidos como bosques comestibles naquelas parcelas municipais que sexa posible e a disposición de terreos para que, segundo precisou Xurxo Ferrón, “de maneira altruísta, podan actuar veciños e veciñas do noso concello para mellorar ecoloxicamente algún espazo e desfrute da cidadanía.” Deste xeito, a medida saíu adiante por unanimidade.

Unha das cuestións que xerou máis debate foi a proposta do PBBI instando ao cumprimento do acordo do pleno do 30 de setembro sobre a habilitación de aparcamento para os familiares dos usuarios do Centro de Día de Alzhéimer. O voceiro Vicente Mariño de Bricio manifestou que “estou disposto a retirar parte da moción se vostede, en vista de que nos acusou de ser ilegal a moción, presenta neste momento a dimisión como concelleiro de Tráfico.” Pola súa parte, o rexedor Manuel Ruiz presentou unha emenda de substitución na que se permite o acceso de vehículos autorizados pola rúa peonil, sen necesidade de previo aviso, para que os usuarios queden o máis preto posible da entrada a citado inmoble. Ruiz Rivas aproveitou a ocasión para expresar que “sigome sorprendendo de que un tema que non debeu chegar nunca a este pleno, vaia a entrar por segunda vez porque estamos en contacto permanente coa dirección de AGADEA dende hai moitos anos, por este e por outros problemas, e por que o digo, porque nunca, que eu teña coñecemento, chegou ao responsable de Tráfico nin ao alcalde ningunha queixa de ningún usuario.” Ademais, pronunciouse sobre as súas declaracións na sesión plenaria do 30 de setembro, aclarando que “cando eu digo que non é legal, non a moción do señor Mariño, senón o que propón, estou falando na xerga ou na linguaxe da xente. Eu non lle estou chamando delincuente, nin digo que sexa un ilícito penal. Estou dicindo que, desde o meu punto de vista, incumpre unha ordenanza”, agregando que “se hai algún ribeirense, incluíndo os que están aquí, que entenderon que esas palabras eran literais e que os estaba enganando, a eses ribeirenses eu lles pido perdón.”

A este respecto, o concelleiro nacionalista Luís Pérez Barral avogou por unha “solución lonxe de toda disputa.” Neste senso, o Bloque tamén presentou unha emenda para que se dispoñan de máis prazas de estacionamento temporal con uso exclusivo habilitadas nun prazo inferior a 15 días, incluíndo a eliminación de algúns obstáculos e a construción dunha rampla. Da mesma maneira, pasados 30 días naturais desde a habilitación destas prazas, de persistir as necesidades, incrementar o número ata chegar ao preciso verificando coa dirección do centro e comunicándose aos demais grupos da corporación.

A emenda de substitución dos populares, co engadido do BNG, saíu adiante cos votos a favor dos PP, PSdeG-PSOE e BNG, así como a abstención de Suma Ribeira e a pesar dos votos en contra do PBBI.

A proposición de colaboración co cine de Ribeira para a creación de ciclos periódicos destinados aos maiores durante o inverno foi levada a pleno polo PBBI, presentando emenda o PP. Esta medida -colaborar co cine de Ribeira e clubs de xubilados para a creación de ciclos periódicos, cando menos, durante o inverno e outras accións ou actividades que incentiven a presencia das persoas maiores nas proxeccións cinematográficas- foi aprobada por unanimidade.

En canto á proposición do PP sobre o apoio ao sector mar-industria alimentario da comarca fronte ao proxecto de reforma da lexislación de Costas, esta non saíu adiante ao contar unicamente cos votos favorables dos populares e os votos en contra do resto de grupos da corporación.

Os asuntos que foron aprobados por unanimidade e sen presentarse emenda foron a modificación da ordenanza C2 do prezo público de prestacións de servizos culturais; o expediente de cesión do ben inmoble á Consellería de Política Social con destino ao Punto de Encontro Familiar; e a proposición de Suma Ribeira sobre a creación de hortos ecolóxicos urbanos porque, segundo sinalou o voceiro Xurxo Ferrón, “cremos que poden contribuír á mellora da calidade de vida dos nosos concidadáns e á procura dun concello máis sustentable.”

Posteriormente, procedeuse á dación de conta dos decretos da Alcaldía e o informe de morosidade e pago medio a provedores no terceiro trimestre de 2019.

Así mesmo, presentouse unha moción de urxencia despois de que a Deputación da Coruña cominase ao Executivo ribeirense a cambiar por outra a actuación de mellora da estrada entre o campo de fútbol de Oleiros e o lugar de Balteiro, pois a entidade considera que é competencia provincial. O alcalde propuxo outra obra de características similares e na mesma parroquia, relativa ás beirarrúas entre o tramo de Gándara e o final da localidade, ademais de afirmar que está xestionando a unificación dun treito de beirarrúas en dirección ao Hospital da Barbanza. A moción, incluíndo a urxencia da mesma, saíu adiante por unanimidade.

Finalmente, procedeuse coa quenda de rogos e preguntas, incluíndo a creación dunha área de estacionamento express e a instalación dun contedor destinado ao depósito de plásticos en Palmeira (PSdeG-PSOE); a aplicación do límite dos 30 quilómetros/hora nas contornas urbanas (PSdeG-PSOE); resolver o estado da infraestrutura de protección no paseo de O Carreiro (PSdeG-PSOE); dirixirse a Correos para que volvan poñer os buzóns (PSdeG-PSOE); limpeza de ríos e regatos do municipio (PSdeG-PSOE); interrogante sobre si o alcalde ten coñecemento da persistencia na actualidade de molestias non asumibles tanto ao longo das conducións como na estación de bombeo da EDAR (Suma Ribeira); cuestión sobre cando ten previsto a Alcaldía dispoñer dos resultados da auditoría externa (Suma Ribeira); pregunta sobre a precaución da contratación dunha empresa independente para a auditoría (Suma Ribeira); extremar o control por parte da Policía Local no acceso ao parque de mascotas, a dotación nos parques infantís de cartelería sobre a presencia de mascotas e que os servizos de limpeza presten atención preferente a parques infantís (BNG); mellora da praza da Amarella (BNG); reconversión das prazas existentes en Heroínas de Sálvora ás mesmas características das do resto da cidade (BNG); a reparación da valla rota no Campo da Tasca en Aguiño (BNG); e rotular o centro de raquetas cun sistema de maior duración (BNG).

Outros artigos

Corrubedo estrea dúas pistas de tenis

O concello de Ribeira conta xa con dúas novas pistas deportivas para a práctica do tenis. Trátase das dúas pistas estreadas no lugar de Saamil, na parroquia de Corrubedo, onde as seareiras e seareiros deste deporte xa poden xogar e gozar das novas instalacións,...

+

Ribeira reivindica arte local cunha mostra colectiva de 23 artistas

O Centro Cultural Lustres Rivas, espazo vivo de creación e difusión cultural activo dende 2011, acolle este días, por segundo ano consecutivo, unha exposición colectiva de artistas da contorna, fundamentalmente ribeirenses, baixo o título Camiño da arte que está...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...