Arousa Norte analiza os seus recursos coa vista posta na Traslatio no limiar do Xacobeo 21

26 Outubro 2019

A Mancomunidade Arousa Norte convoca para esta fin de semana un simposio con dinamizadores dos diferentes camiños de Santiago para analizar os recursos do territorio de cara ao lanzamento promocional da Traslatio no limiar do Xacobeo 21. Aquí danse cita diversas entidades como a Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo, Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela, Orde do Camiño de Santiago, Asociación de Academias de Gastronomía do Camiño de Santiago e Asociación de Gastronomía do Camiño Portugués.

O evento arrancou na tarde do venres 25 nas instalacións do Concello de Boiro coa presentación por parte de Guillermo Campos, representante da Asociación Galega de Xornalistas e Escritores; Javier Sánchez-Agustino, presidente da Fundación da Ruta Xacobea Mar de Arousa-Ulla; e José Ramón Romero, presidente da Mancomunidade Arousa Norte e alcalde de Boiro.

Guillermo Campos debullou os obxectivos e razón de ser destas xornadas que serven para “escenificar calquera análise, calquera decisión, calquera traballo de estudo e ver a disposición que pode haber para artellar conxuntamente, confluír ideas, experiencias.” Desta maneira, apuntou que “hai un feixiño de entidades representadas, todas elas xurdidas polo común denominador do coñecemento da terra.”

Pola súa parte, Javier Sánchez-Agustino indicou que a fundación que preside ten como obxectivo primordial a promoción da Traslatio, a cal é a conmemoración do último periplo do Apóstolo Santiago. Deste xeito, preténdese “promocionar dende un eido cultural, turístico e económico todo o valor engadido que supón a Traslatio.” Sánchez-Agustino tamén anunciou que se está desenvolvendo un proxecto para converter a tódalas localidades da ría de Arousa e do río Ulla en portos Xacobeo e literarios.

Na súa intervención, José Ramón Romero manifestou que a Mancomunidade Arousa Norte “nace co obxectivo de agrupar servizos para chegar aos obxectivos comúns entre os municipios do Barbanza. Un obxectivo polo que temos que seguir traballando.” Así mesmo, precisou que con estas xornadas “buscamos promover o desenvolvemento turístico, cultural e gastronómico da zona norte da ría de Arousa para afianzar Arousa Norte como un destino turístico diferenciado e de calidade.”

A continuación, tiveron lugar varios coloquios coma, por exemplo, o ofrecido polo alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, quen explicou as riquezas do municipio que rexe, así como as propostas que este ofrece e aspectos a mellorar.

Ao acto tamén asistiron o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; a concelleira de Turismo da Pobra do Caramiñal, Charo Varela; o seu homólogo en Ribeira, Ramón Doval; e os ex-alcaldes de Boiro, Xosé Deira e Manuel Velo.

As xornadas continúan o sábado 26 cun percorrido polos municipios de Arousa Norte -integrada por Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo- e un coloquio, uníndose ao evento a Asociación Amigos do Camiño do Barbanza.

Outros artigos

Publicidade

PEL
PEL

Revista en papel

Opinión

“Dor e sufrimento” – José Manuel Pena

“Dor e sufrimento” – José Manuel Pena

No colexio, na piscina, no ximnasio, nunha excursión polo campo ou dentro do propio núcleo familiar, que muller non sufriu algún acoso ou agresión de tipo sexual? Eran outros tempos, din algúns. A pesar de todo, actualmente, unha gran parte da sociedade segue mirando...

“Ratos, ratiños e tornarratos” – Antón Luaces

“Ratos, ratiños e tornarratos” – Antón Luaces

O que foi e o que non é;  o que puido ser e a realidade converteu nunha experiencia máis para todos; o que o presidente autonómico canario quixo transmitir coma un relato propio daquel personaxe que foi "Cantinflas", quedará gravado para sempre na memoria de cantos, a...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.