20191015 Esta semana chega a Rianxo o cuarto ciclo de Camiños de experiencia e coñecemento, logo da súa recalada na Pobra o pasado mes de setembro. Este programa formativo para maiores vén da man da Universidade de Santiago coa colaboración, desta volta, do Concello de Rianxo. A iniciativa, que vai dirixida a veciñas e veciños de máis de 50 anos, conta cun total de 8 clases que se impartirán nunha aula do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo. As sesións (actualizadas os días pasados) tocarán cuestións de actualidade (economía circular, cinema, matemáticas, desenvolvemento rural) co punto en común do ser abertas e dinámicas, para que cada participante poida seguir enriquecendo o seu coñecemento logo do remate da clase.
As sesións comezaban hoxe co seminario A Herdanza: sucesión por causa da morte segundo o Dereito Galego e Estatal, a cargo do profesor da Facultade de Dereito da USC Xaime Manuel Requeixo, e en horario de 16.30 a 18.00 horas.
O xoves, 17 de outubro, será a quenda de Álvaro Dosil Rosende (Grupo de Investigación Terceira Xeración e bolseiro da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC) con O cinema como linguaxe, celebrándose o venres, 18 de outubro, a parte práctica.
O 21 de outubro será a seguinte quenda (a vertente práctica) de A herdanza: Sucesión por causa de morte segundo o Dereito Galego e Estatal, a cargo do profesor Xaime Manuel Requeixo, en horario de 16.30 a 18.00 horas.
O martes, 22 de outubro, chega o seminario teórico-práctico (I) Matemáticas, pídechas o corpo! da man de Beatriz Álvarez Díaz, Laura Dávila Pena e Érika Diz Pita, todas elas profesoras da Fac. de Matemáticas da USC. Esta cita terá continuidade na xornada do martes, 29 de outubro, coa segunda parte deste seminario.
María Canedo Barreiro, profesora da Facultade de Xeografía e Historia da USC, será a encargada de ofrecer o curso Tesouros agochados no rural o xoves, 24 de outubro, que proseguirá o venres, 25 de outubro, cunha visita á igrexa de Santa Comba de Rianxo.
Un día máis tarde, o 25, celebrarase unha visita á igrexa de Santa Comba de Rianxo, a cargo de María Caneda Barreiro, en horario de 16.30 a 18.00 horas.