A Autoridade Portuaria dá o visto e prace ao proxecto hostaleiro do faro de Corrubedo

14 Outubro 2019
O faro nunha imaxe de Turismo de Galicia

20191014 O proxecto para converter o faro de Corrubedo e a súa contorna nun complexo turístico recibiu estes días un novo e importante pulo: o visto bo da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Este respaldo, que chega logo dunha longa paréntese administrativa (a comprendida entre que se deron a coñecer os detalles miúdos da iniciativa, hai máis dun ano, e o remate das avaliacións por parte do consello de administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía), significa entre outras cousas que a entidade pública competente considera que a a actividade vindeira do faro como asistente en navegación está garantida polo proxecto para converter os edificios anexos nun hotel de catro estrelas (o inmóbel da sirena e a antiga casa do fareiro) e a torre de sinais principal nun restaurante e recepción. Como lembraremos, a firma titular da concesión é Rianxo Xestión de Empresas.

A casa da Sirena acubillará habitacións, igual que a antiga casa do fareiro

As orixes do proxecto

Construído en 1852 e proxectado por Celedonio de Uribe, o faro de Corrubedo avanza a día hoxe cara a unha nova andaina que complemente a súa aínda vixente faceta de recurso para a circulación marítima. Estamos a falar do proxecto para convertelo en restaurante (o faro) e hotel (a casa do fareiro e o edificio da sirena), que é o que vén de recibir o visto bo da Autoridade Portuaria.

O proxecto ten un investimento de 1.500.000 euros e a previsión, hai máis dun ano, era rematar nun treito avanzado de 2019, cousa que se adiará, con toda probabilidade, á recta final de 2020. A persoa encargada de sentar as bases desta nova andaina, que afectará aos cinco edificios do conxunto arquitectónico, é o empresario local Anxo Rodríguez, xerente dos cámpings Ría de Arousa. O seu proxecto inclúe o acondicionamento dun restaurante, un quiosco e un hotel cunha ducia de habitacións. A súa proposta tamén acubilla a posibilidade de habilitar un centro social noutro dos edificios anexos, de pequenas dimensións, e unha xeadería-cafetería noutra das construcións.

O proxecto para a posta en valor do faro e da súa contorna foi desenvolvido co estudo de arquitectura GOC, con sede na Coruña, que acompaña o plan de traballo cun marcado “carácter local” e un compromiso coa arquitectura e o mobiliario tradicional galego, neste caso a arquitectura e o mobiliario tradicional das construcións costeiras. Iso si, dándolle unha viraxe de reinterpretación e actualización (do que se trata é de reivindicar a tradición como “indicativo de calidad”).

Amais da vertente hostaleira, gastronómica e turística, os traballos a realizar contemplan tamén o acondicionamento da contorna, garantindo a accesibilidade nunha área de arredor de 20.000 metros cadrados e ligando uns edificios con outros a través de pasarelas de madeira. Por outra banda, brindaráselles aos visitantes (clientes ou non) a posibilidade de acceder ao interior do faro (que será tamén un pequeno museo) é a súa terraza. Nesta, o proxecto inclúe a posibilidade de ampliar o servizo de hostalería.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...