Ribeira recibe unha moto de auga por parte da Xunta para atender emerxencias na costa

20190930. O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, entregou hoxe en Ribeira tres motos acuáticas con remolques co obxectivo de reforzar o equipamento de rescate dos servizos de emerxencias. Así, os concellos de Ribeira, Arteixo e A Guarda recibirán cadansúa moto acuática, sumándose ás seis concedidas xa o ano pasado aos concellos de Ortigueira, Cervo, Sanxenxo, Muros, Ponteceso e á Mancomunidade do Val Miñor.

Segundo indicou Alfonso Rueda, este equipamento de rescate e salvamento acuático en zonas de costa servirá de complemento aos medios de rescate dos que dispoñen Salvamento Marítimo e Gardacostas, supoñendo un “paso cualitativo importante á hora de atender as emerxencias.” Ademais, trátase de embarcacións de gran efectividade para rescates en zonas de pouco calado, con ondas ou fortes correntes e áreas con fondos rochosos.

O vicepresidente da Xunta destacou o importante labor diario do persoal de emerxencias para velar pola seguridade da cidadanía e, por iso, incidiu en que as administracións deben corresponder a ese compromiso e entrega garantindo que o material do que dispoñan sexa o axeitado para realizar o seu traballo nas mellores condicións. Así mesmo, preténdese “ir modernizándoos pouco a pouco e colaborar co esforzo que fan moitas veces os propios concellos en dotalos dunha serie de material moi eficaz para os salvamentos.”

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, explicou as características destas motos, as cales dispoñen de 1800 centímetros cúbicos, 180 cv, peso en seco de 360 quilos, poden navegar cunha altura de auga por enriba de 80 centímetros, capacidade para tres persoas e fai unha velocidade punta de 60 nós, aproximadamente 120 quilómetros/hora. Tamén conta con padiola de rescate, traxes de neopreno, chalecos e cascos, “sempre, indudablemente, pensando na seguridade e na prevención de riscos para os rescatadores.”

Pola súa parte, o alcalde Manuel Ruiz manifestou o esforzo “non sería posible sen o apoio que a Xunta nos vén prestando ano tras ano.” Do mesmo xeito, apuntou que as características desta moto de auga permitirá evitar ter que lamentar vítimas na costa do municipio. Segundo precisou, agarda “sacarlle bo rendemento e que se teñan que utilizar poucas veces, pero senón, cando menos, sabemos que a xente pode estar mellor atendida.”

A entrega de hoxe da continuidade á folla de ruta iniciada para mellorar a calidade de resposta e a seguridade nas actuacións de prevención de riscos e nas intervencións en emerxencias en calquera punto da comunidade galega mediante a dotación de máis material e equipamento ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES). O Goberno galego sinala que tamén mantén a aposta pola formación actualizada no eido das emerxencias que se imparte de forma centralizada desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).