
20190919. A asociación Mulleres en Acción súmase á convocatoria Emerxencia Feminista feita por diversos colectivos feministas. A razón desta cita reside en que este verán cometeuse unha “barbarie” en toda España ao amosar o machismo “as peores das súas caras de novo.” Segundo indican, “vivimos un mes de xullo que será lembrado como dos peores en máis dunha década. Asasinatos, parricidios, trata, pederastia, extorsión, desaparicións, manadas, violacións… As mulleres vémonos forzadas a vivir co terror.”
Tamén sinalan que, despois destes sucesos, non se pode agardar ao 25 de novembro -Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller- e “volver á rutina coma se nada pasase”, pois entenden como “urxente e necesario” demostrar que o movemento feminista “está sempre presente”, dando unha “resposta contundente ante estes feitos.”
Así, o venres, 20 de setembro, pretenden encher as rúas cunha Manifestación Nocturna que partirá, ás 21.00 horas, da praza do Concello de Ribeira para iluminar as últimas horas do día de cor violeta, xa que, tal e como expresan, “fronte á barbarie, fronte á escuridade, fronte ao medo, a intimidación, fronte a todo o que nos arrebataron, luz violeta. Todas xuntas, con lanternas, candeas… saiamos e deixemos que o feminismo alague as rúas, que nos vexan, que saiban que non temos medo.”
Deste xeito, solicitan que os asistentes acudan vestidos de loito e portando lanternas ou móbiles.