20190926. O Concello de Ribeira adxudicou hoxe o subministro mediante renting dun novo céspede artificial de última xeración para o campo da Fieiteira, ademais da renovación do sistema de rego e a dotación doutro material deportivo auxiliar.
Esta intervención foi adxudicada á empresa Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A. O contrato ascende a un total de 222.040’48 euros e o prazo de execución das obras é dun mes e medio.
Así, a instalación municipal recibirá un novo céspede de última xeración, con homologación FIFA QUALITY PRO, que permitiría incluso a disputa de partidos de categoría nacional. Ademais, dotaráselle dunha nova rede de rego automático, con canóns emerxentes de gran alcance situados fora do rectángulo de xogo. Unha vez concluídas estas obras, instalaranse porterías regulamentarias de fútbol 11 e fútbol 7 -neste último caso, abatibles-, así como banderíns nas catro esquinas do terreo.
O proxecto técnico prevé un plan de mantemento por cinco anos que inclúe tanto a formación do persoal municipal para obter os coñecementos necesarios para a conservación do céspede coma a realización de dúas veces no ano de tarefas de mantemento por parte da empresa adxudicataria.
Desde o Concello sinalan que nos últimos anos emprendéronse outras actuacións encamiñadas a instalar céspede artificial en campos do termo municipal que carecían del, tales coma os da Guía, en Carreira, e A Trinidade, en Oleiros.