A ribeirense praza García Bayón contará cun renovado parque de xogos

25 Setembro 2019

20190925. O Concello de Ribeira procederá á renovación do parque de xogos da praza García Bayón de Santa Uxía. Trátase dunha actuación complementaria ás obras de reordenación do paseo do Malecón que comezará de inmediato coa desmontaxe dos xogos existentes e a colocación dun pavimento de caucho continuo por toda a área recreativa, razón pola cal esta mañá se iniciaron os traballos para valar este espazo, o cal permanecerá pechado durante un mes.

O novo parque infantil terá capacidade para un total de 140 usuarios con idades entre os 0 e os 14 anos, podendo facer uso simultáneo dos xogos que alí se sitúen, distribuídos en dúas zonas en función dos tramos de idade. Entre os elementos, destaca un xogo en forma de nasa que foi especialmente deseñado para a cidade ribeirense. Esta estrutura estará equipada con iluminación LED e incorporará un tobogán tubular de grandes dimensións, unha rampla de esvaradío, tres plataformas polas que a rapazada poderá ascender ou descender dunha a outra, unha liana de ascenso, unha rede inclinada de cuadrícula de trepa e unha zona de presas de escalada.

Ademais, procederase á instalación dunha cama elástica con capacidade para catro persoas; un gran domo capaz de albergar ata 25 cativos de 4 a 14 anos que tamén levará iluminación LED; un balancín carrusel múltiple; un tobogán en forma de barco para os máis pequenos; e diversos elementos inclusivos pensados para persoas con diversidade funcional, coma un pasadizo secreto e outro elemento figurativo, ambos personalizados, así como un columpio.

Do actual parque infantil conservarase a tirolina e un equipo combinado.

Por outra banda, as obras de ordenación da avenida do Malecón están rematadas a falla dos detalles finais, tales coma o pintado na zona onde estaba enclavada a antiga estación de autobuses ou a colocación de distinto mobiliario e algunha árbore ornamental a maiores das xa plantadas.

Executada pola empresa Canarga, S.L., desde o Concello manifestan que “esta intervención estratéxica na fachada marítima da cidade persegue o obxectivo de priorizar o paso de peóns sobre o tráfico rodado ademais de executar un carril bici para favorecer o transporte sustentable.” Forma parte da EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 e enmárcase na liña de actuación deste plan denominada ‘Urbanización e mellora do entorno urbano e industrial’.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...