Unha xornada festiva e cultural para conmemorar a figura de Valle-Inclán

23 Agosto 2019

20190823. A Pobra do Caramiñal prepárase para unha gran celebración o domingo, 1 de setembro. O motivo é a Festa do Centenario de Valle-Inclán na Curota, pois cómprense 100 anos daquela fotografía onde o escritor aparece subido nun carro de vacas nunha romaxe organizada pola veciñanza pobrense para festexar que o feito de que trasladara o seu domicilio ao municipio, declarando na prensa nacional e internacional que se convertía así en residente. Para tal efeméride, a vila trasladarase ao pasado a través dunha ampla programación e 12 horas de troula ininterrompidamente. No acto de presentación estiveron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira de Cultura, Patricia Lojo; o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González Millán; e Patricia Ríos representando a Eiradela Asociación Cultural.

A edil destacou que se pretende “destacar a figura de Valle-Inclán fóra do Museo, que se viva na Pobra do Caramiñal, polas rúas, darlle esa visibilidade que ten e que é tan importante para nós.” Tamén fixo fincapé no xantar campestre no miradoiro de Valle-Inclán, nos roteiros, na música tradicional que percorrerá os distintos emprazamentos e no mercado tradicional que se instalará no Cantón da Leña. Patricia Lojo engadiu que agardan que esta cita teña continuidade, pois “cremos que esta festa pode ser moi importante, a parte de para A Pobra, para outros concellos.”

Na súa intervención, o director do Museo sinalou a relevancia desta iniciativa non só para a vila, senón tamén para a comarca do Barbanza, as Rías Baixas e, incluso, toda Galicia. González Millán lembrou que 1919 é un ano significativo para Valle-Inclán, pois publica grandes obras coma Divinas palabras, El pasajero ou La pipa de kif. Deste xeito, o escritor traía ao concello prensa, pintores, escultores, etcétera. Así, quixeron utilizar este reclamo para facer unha actividade que sirva de tránsito entre as celebracións de agosto e as de principios de setembro “desde unha maneira respectuosa con Valle-Inclán, xa que é unha figura de ámbito internacional, e cunha programación de calidade.” Polo tanto, agardan que se converta nunha “festa propia, característica e cultural se o público pouco a pouco se vai sumando.” Ademais, anunciou que unhas “espontáneas” repartirán doces entre os asistentes, haberá un bululú e figurantes de Ramón del Valle-Inclán, Josefina Blanco Tejerina e Victoriano García Martí.

Por outra banda, Patricia Ríos, en representación de Eiradela Asociación Cultural, foi a encargada de detallar as características desta cita. Desta maneira, o mercado tradicional ambientado na época estará montado no Cantón da Leña ao redor das 11.00 horas, contando con palilleiras, sancosmeiros, oleiro e postos de comida e bebida, entre outros. Media hora máis tarde, comezará o roteiro pola vila. Ao mesmo tempo, procederase a unha romaxe itinerante cos grupos Arume, Tanxedoira e Lumieira. Despois, ás 13.00 horas, “o noso Valle-Inclán terá un acto protocolario e recibimento no Concello polo alcalde e a concelleira” para trasladarse ao Cantón da Leña onde, en torno ás 14.30 horas, rematarán os actos da mañá para efectuar a saída ao miradoiro de Valle-Inclán. Alí haberá unha polbeira e actuación a cargo de Arrancadeira, Caramiñas, Trécola e Os Caraveiros. Posteriormente, ás 19.30 horas, baixarase novamente á Pobra para un pasaprazas por parte de Arrancadeira e Caramiñas para, ás 20.00 horas, asistir ao contacontos coa curta galega Malpocado, por Mariló Ríos. Máis tarde, chegará Luís Prego cos obradoiros con Xogos e cantares de onte para os rapaces de hoxe e Bótalle un punto na festa. A charanga Faíscas da Pontraga e unha queimada porán o broche final á xornada festiva e cultural.

O encargado de pechar o acto foi o rexedor, quen indicou que “hoxe para min é un día moi satisfactorio porque isto empezou a prepararse fai moito tempo xa e dáse a circunstancia de que as dúas Patricias teñen moito que ver.” A transcendencia de ambas radica en que Patricia Ríos propuxo a recreación e Patricia Lojo “como nova concelleira de Cultura está desexando apoiar e crear unha nova actividade dentro da nosa programación cultural e creo que o seu pulo foi moi importante.” De feito, quixo expresarlles o seu agradecemento por todo o traballo realizado, así como a Antonio González. Así mesmo, incidiu na relevancia de Valle-Inclán para a literatura universal e o Concello pobrense.

Para acceder ao miradoiro onde se celebrará o xantar campestre disporase transporte gratuíto en autobús desde o centro da vila, para o cal será preciso reservar. Cómpre apuntar que o cartel deste evento é unha colaboración altruísta de Siro López inspirándose na imaxe citada anteriormente.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...