
20190801. Este verán chega a cuarta edición dos Vermús Musicais aos catro concellos que conforman Arousa Norte. Desta maneira, os diversos emprazamentos da comarca vibrarán ao son de estilos para tódolos gustos coma soul, piano contemporáneo, rock-pop, swing-jazz, clásico e blues-rock. Os grupos e artistas participantes son Trío Bravo, Aida Saco Beiroa, Pardo, Narci Rodríguez, Mijail Moriatov, Black Stereo, Resaca Brothers e a xa habitual Nastasia Zürcher.
Estes concertos na rúa celebraranse os domingos desde o 4 de agosto ao 1 de setembro nos catro municipios e de xeito simultáneo a partir das 13.00 horas.
No acto de presentación, a xerente da Mancomunidade Arousa Norte, Maruxa Ledo, sinalou que “para nós é un dos proxectos máis importantes porque se está consolidando e conta co apoio e o respaldo de toda a poboación dos catro concellos e tamén da Mancomunidade.” Así, considera que forma parte da axenda anual de eventos estables que queren conformar de carácter cultural e de turismo cultural para Arousa Norte, permitindo ofrecer unha programación alternativa.
Pola súa parte, Suso Santamaría, propietario do local boirense A Pousada da Galiza Imaxinaria, explicou que con esta cita “facemos unha recuperación dunha tradición xa perdida que eran as sesión vermús que había xa hai 20 anos.” Tamén manifestou que o horario escolleito posibilita a conciliación familiar e permite que se poidan achegar turistas e persoas que a outras horas lles resultaría impracticable. Así mesmo, apuntou que sempre tentan xuntar a xente de Galicia e de fóra, pois “gústanos que se mesturen porque sempre saen boas cousas de aí.” Ademais, o hostaleiro indicou que hai cinco anos se fixo un piloto desta cita.
Na súa intervención, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, puntualizou que este evento é un atractivo máis da comarca, así que “a xente que veña os domingos a desfrutar a cada un dos concellos sabe que hai un espazo, normalmente céntrico, para encontrarse coa música.” Trátase así dunha actividade que complementa a outras, pero cun aire propio. Por último, precisou que entende que a comarca debe singularizarse pola aposta polo turismo cultural, sendo esta cita un elemento fundamental que chegou para quedarse, polo que “a parte musical e a parte cultural é outro dos referentes polo que nos queremos sinalar en Arousa Norte.”
O remate do acto de presentación estivo amenizado polo artista ribeirense Nando, coñecido artisticamente como Chamaquito Pistolas.
