20190819. As persoas interesadas en levar a cabo actuacións que promovan a eficiencia enerxética, a seguridade e a accesibilidade das súas vivendas dispoñen ata o 30 de agosto para presentar unha solicitude e beneficiarse dos máis de 17 millóns de euros que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dispoñen a través de dúas liñas de actuación.
Trátanse de programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e do fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade incluídos no Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, cuxas axudas foron convocadas a través do Diario Oficial de Galicia a finais do mes de xullo.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) convoca así dúas liñas de axudas diferenciadas. A Liña A diríxese a subvencionar obras que incidan na eficiencia enerxética e a sustentabilidade en vivendas, con especial atención á envolvente dos edificios; mentres que a Liña B destínese aos fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade de vivendas. A primeira destas liñas está dotada con 8.121.000 euros para as anualidades que van de 2019 a 2021, e a segunda conta cunha partida de 8.983.300 euros para o mesmo período.
Concretamente, entre as actuacións subvencionables figuran a mellora da envolvente térmica da vivenda ou do edificio; a instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes; a instalación de equipos de rexeneración ou que permitan a utilización de enerxías renovables e as actuacións que melloren o cumprimento da normativa técnica en cuestións coma o illamento sonoro.
Dentro da Liña A inclúense tamén aquelas obras que afecten a elementos cuxo tratamento permita reducir de forma efectiva no interior da edificación a media anual de concentración de radón a niveis inferiores a 300 Bq/m3 ou nas que, sen alcanzar ese nivel, se reduza a concentración inicial en, polo menos, un 50 por cento.
Ademais, en edificios de tipoloxía residencial colectiva subvencionarase a mellora da eficiencia enerxética das instalacións comúns coma ascensores e iluminación; a optimización do subministro de auga e o aforro da mesma; a mellora do saneamento separativo e outras intervencións que afectan a factores coma a redución do consumo de auga en zonas comúns ou o fomento da mobilidade sostible.
Por outra banda, na Liña B considéranse actuacións sostibles as relativas á conservación da cimentación, da estrutura, das instalacións, de cubertas e fachadas, a adecuación interior da vivenda unifamiliar, instalación de ascensores, salva escadas, costas ou outros dispositivos de accesibilidade e outros coma as instalacións de sinalización, elementos electrónicos de comunicación, domótica e calquera elemento que facilite a accesibilidade.
Poderán beneficiarse destas axudas os propietarios das vivendas a rehabilitar, as comunidades e agrupacións de propietarios, cooperativas de vivendas, empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios. Tamén poderán optar a estes programas arrendatarios da vivenda que realicen a rehabilitación de acordo co propietario.
As vivendas e edificios a rehabilitar deberán estar finalizadas antes do 1 de xaneiro de 1996. As vivendas deberán constituír a residencia habitual e permanente dos propietarios, arrendatarios ou moradores no momento de solicitar a axuda.
No caso de actuacións en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva, polo menos o 70 por cento da superficie construída sobre rasante terá uso residencial de vivenda, excluída a planta baixa e/ou plantas inferiores. Así mesmo, polo menos o 50 por cento das vivendas deberán constituír o domicilio habitual das persoas propietarias, arrendatarias ou moradoras no momento de solicitar as axudas.
A cantidade das axudas será, con carácter xeral, do 40 por cento do custe subvencionable da actuación. No caso de que os ingresos sexan inferiores a tres veces o Iprem, a porcentaxe poderá chegar ao 75 por cento. A porcentaxe tamén poderá chegar ao 75 por cento no caso de actuacións de accesibilidade se na unidade da convivencia residente na vivenda hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.