“As viaxes, sen reflexión crítica e empatía, só serven para acumular selfies e molar moito” – Kuerbovich

22 Agosto 2019

20190822 As viaxes, aínda que non sempre, todo depende da túa ollada, soen ser coñecemento. Nós quixemos falar destes e doutros temas cun viaxeiro-blogueiro chamado Kuerbovich, o nome que acompaña o labor fotográfico, documental e vital dun cidadán que son dous (el mesmo e o seu alter-ego), para que nos falase das súas experiencias en diferentes países, africanos principalmente, e de como debeu ser para el o intre no que se atopou con xente que nunca vira antes unha persoa occidental. Moitas cousas de Kuerbovich fraguáronse en Ribeira, comezando por el mesmo e, tamén, as súas ansias de coñecer mundo. Quen queira ideas cómodas e doadas de dixerir sobre o suposto terceiro mundo e o papel de occidente como “amigo” e “benefactor”, mellor que se adique a ler outra cousa. Kuerbovich aplica a súa ollada crítica até nos supostos beneficios de viaxar para a nosa mente e para a nosa tolerancia: “Hai moita xente que pensa que viaxar abre máis a mente, pero as persoas, cando viaxan, ou cando van morar nun país, levan os seus prexuízos nas maletas”.

-A pouco que se te coñeza, unha das cousas que máis destaca da túa traxectoria vital é a túa capacidade para estar en moitos sitios diferentes de África e do resto do mundo. Ver os teus sitios web, Fotos Emplumadas e Con las plumas al sol, ámbolos elaborados por un tal Kuerbovich (o teu pseudónimo viaxeiro, xornalístico e artístico nas redes), é ver o mundo a través dos teus ollos e a túa cámara: Madagascar, Malawi, Mozambique, Angola, Mauritania, Galicia… Cando e de que maneira se foi creando no teu interior esta necesidade de coñecer países? Que lugares coñeces mellor e que outros che quedan por descubrir?

-As ansias por viaxar a países diferentes do contexto europeo, ou mesmo a países exóticos, vén de tres elementos: en primeiro lugar, do meu tío Pepe, que foi mariño durante 20 anos e recorreu medo mundo embarcado en navieiras norueguesas. Cando eu era neno e adolescente xa non viaxaba e até levaba uma vida bastante sedentaria, mais el gostaba de me contar as súas experiencias e contribuíu a me encher a cabeza de soños de coñecer os portos africanos, americanos e asiáticos. O outro factor é ter crecido na Coruña dos anos 80: un ermo cultural, unha cidade gobernada por políticos paletos aos que a cidadanía lles batía palmas mentres esnaquizaban o patrimonio arquitectónico e paisaxístico e enchían os petos á vista de todo o mundo… Infelizmente en España a cousa non era muito mellor, con a maior parte da sociedade dividida entre o PSOE dos GAL, dos progres guais e da corrupción por unha banda, e o PP da igrexa, os touros e a corrupción tamén, pola outra…

Todo isto non daba para ter moitas esperanzas, igual que non dá agora; e a sociedade non tiña nada que lle achegara esperanza de mellora, de progreso.

Barco varado nunha praia de Mauritania/ Imaxes da reportaxe: Kuerbovich

O outro factor é o gosto de descubrir como viven outras xentes, como teñen unha visión, unha cosmogonía diferente, de ver aquilo que só sae nos documentais de La2… En 1998 tiven a sorte de viaxar ás rexións do Adrar e do Guidimaka, na Mauritania. Alí encontrei por primeira vez xentes que nunca tiñan visto un europeo antes; xa tiñan pasado occidentais antes e durante a época colonial, algunha xente nova non tiña vivido iso… E asi acontece a marabilla da ficar pasmados de maneira recíproca, uns a ollar aos outros, con esa expresión nos rostros de cada un que lanzan a mesma mensaxe: “Existes!! e téñoche diante!”. Foi extraordinario. Non tiven a sorte de repetir moitas veces máis ese tipo de experiencias.

-Que parte do continente coñeces mellor?

-A rexión que mellor coñezo é África Austral, que podemos dicir que comprende todos os países que van desde Angola até Mozambique. Visitei todos varias veces menos Lesotho. Vivín nesta zona durante 16 anos, en diferentes países e viaxando moito, tanto por traballo como por turismo, a maior parte das veces viaxando en coche, en traxectos de tres mil ou catro mil quilómetros. Desta zona, para min o mais bonito é Zimbabwe, que ten uns parques naturais espectaculares, onde un pode facer camping pela sua conta e risco (se logo te come un león, é teu problema), o deserto de Namibia e a provincia do Eastern Cape, na África do sur (aínda que está chea de racistas…), e desde logo, a costa norte de Mozambique. Zambia, Swaziland e Malawi e o resto dos outros países ten cousas interesantes, mais eu non os poño na miña lista. Coñezo un pouco a África do oeste, mais só algúns países e as miñas estadías foron curtas e case sempre por traballo: Guiné Bissau, Senegal, Ghana, Togo, Benin, Burkina, e un pouco do Chad. Para min non son países agradábeis para viaxes de lecer, nen tampouco ofrecen nada relevante e que os diferencie, a menos que vaias ao norte de Benín ou ás Illas Bijagós. Claro, o Sahel (desde Mauritania e sur de Alxeria até o oeste de Exipto) é incribelmente interesante, mais a situación de seguridade é complicada desde principios deste século, grazas á Al-Qaeda, Boko Haram e outros derivados do wahabismo de exportación da Arabia Saudita. De África do leste coñezo un pouquiño tamén, mais alá aconteceu ao revés, a maior parte das miñas estadías foron curtas e como turista, en Quenia e Tanzania, principalmente. Logo, por traballo, teño ido a Ruanda, Somalia e Uganda. Do norte de África, Mauritania, Marrocos e Alxeria.

Nenos nunha praia de Mauritania

Apenas coñezo outros continentes, en América só estiven nos Estados Unidos (pouco e sen ganas de voltar), no Perú e no Brasil, de Asia Central nin idea, e do Sueste Asiático/Oceanía, un pouco de Tailandia, de Papúa Nova Guiné e un pouquiño (ben pouco!) da Australia. En canto a Europa, pouco.

Quen visite o meu blog de fotos ha de ver que o mar está presente na maior parte dos meus posts. Asi que miñas zonas preferidas son de costa: unha delas é o Mediterráneo, mais aquí é difícil encontrar un sitio decente: o mar é bonito, as cores marabillosas, mais case non ten peixes; e o turismo masivo e a estupidez dos gobernantes tem estragado case todo. Aínda me restan moitos sitios por coñecer, pero do que teño visto, Creta e Malta son do que mais gostei. A outra zona é o océano índico occidental, a costa do norte de Mozambique até o norte de Quenia, xunto con Madagascar e as Comores, e Zanzíbar (unha mágoa como fora estragada esta illa polo turismo…). Aínda teño moitas fotos por colocar no blog, mais gosto tamén de contar unha historia ou dar o contexto ás fotos, e isto require tempo e ganas, e nem sempre ando sobrado de ambos…

-Quen vexa o teu traballo descubrirá cousas que non esperaba ver. Descubrirá, por exemplo, alegría e dignidade na pobreza, e a humanidade da xente en países que os medios de comunicación teiman dende hai anos en describírnolos como violentos, militarizados e miserábeis. A túa cámara non semella romper facilmente, pero si que pode romper tópicos e estereotipos. Nalgunhas imaxes nótaseche seguro e relaxado coas persoas que tes diante, mergullado na súa realidade: un sosego que choca de fronte coa idea que temos de como debe ser sacar unha foto no corazón de África, un clic cargado de tensión… Dáste conta de canto contribúen as túas fotografías a derrubar muros de ideas preconcibidas, sobre África sobre todo, o teu principal destino?

-Se fotógrafos consagrados, como Sebastião Salgado, non conseguiron derrubar ideas preconcibidas sobre os pobos indíxenas, que hei eu de conseguir, que fago fotos mediocres e as poño nun blog anónimo e descoñecido? Onde están os pobos amazónicos hoxe en día en comparación con 10 anos atrás? A base de viaxar e aínda mais de traballar com moitas xentes de países “desenvolvidos”, descubrín as ideas preconcibidas, o racismo sociolóxico que nos vén da sociedade na que nacemos e á que temos un sentido de pertenza máis avanzada, xa sexa social, política ou economicamente. E aquí estou a falar do persoal altamente cualificado que traballa nas axencias de nacións unidas como a UNICEF ou o PNUD, nas grandes ONG norteamericanas e europeas, e sobre todo, nas embaixadas… eu fiquei sempre coa boca aberta a escoitar esta xente que foi a boas universidades, que viaxaran desde sua infancia, que se relacionan con xente de tantos países e, porén, teñen un discurso onde a superioridade moral do occidente (Europa occidental e os países anglosaxóns) condiciona todo o que ven e mesmo as súas accións; teño amigos en Galicia que nunca saíran da península ibérica e carecen desa actitude racista… Hai un artigo de Walter Benjamin que explica a base deste fenómeno muito ben: https://ctxt.es/es/20190327/Politica/25168/progreso-walter-benjamin-europa-ben-ehrenreich-the-baffler.htm.

Cebras no deserto de Namibia

De facto, uns dos principais responsábeis de manter eses prexuízos, son precisamente, coa axuda de fotografías que ilustran as campañas de pedidos de doazóns, moitas ONG e axencias das Nacións Unidas, principalmente a UNICEF. Hai mais de 20 anos que a xente do sector da cooperación fala de códigos deontolóxicos para non mostrar uma imaxe de desvalidez, de incapacidade, de sufrimento, como se iso fora o único que se quer mostrar da África. Pasouse das fotos de nenos con moscas na boca e bandullos inchados pola fame a nenos alegres, sen motivo aparente na foto: doa 20 euros e faz sorrir un negriño. Fronte ao publico dos países, estas organizacións ricas tiran a humanidade desas persoas só para gañar un donativo.

Hai moita xente que pensa que viaxar abre máis a mente, dá unha visón do mundo mais completa e integradora, fainos más tolerantes coas diferencias… eu non concordo. As persoas, cando viaxan, ou cando van morar nun país, levan os seus prexuízos nas maletas. É a reflexión crítica, a curiosidade e a empatía o que abre a mente; sen elas, as viaxes só serven para acumular selfies e molar moito.

Nenos en Angola

-Aínda quedan paraísos ou xa hai tempo que desapareceron?

En que pensamos cando falamos de paraísos? Praias de coqueiros com area branca, feita con corais moídos polas correntes durante milenios, mar turquesa cheo de peixes, de langostas, e atractivos “indíxenas” que nos acollen sorridentes e amábeis, mentres que nós sabemos que somos os únicos forasteiros a 100 km ao redor? Estiven unha vez nun lugar destes, no norte de Mozambique, despois de conducir durante moitas, moitas horas por pistas de area, e tras días a conducir por estradas esburacadas. Todo perfecto, como nunha película de Hollywood. Ao día seguinte, ouvimos muito barullo: motor de camión, musica de cancións de verán… chegou un camión todo-terreo, un overlander deses que levan excursións, como as do INSERSO, mais para xente rica que gosta de viaxes “de aventura”, a xente da aldea xa os coñecía, comezaran a chegar ducias de nenos e de nenas, os turistas baixaron do camión e comezaron a repartir bolígrafos e doces… Unha forma barata de se sentir como reis e raíñas no medio dos salvaxes, non é? Non sei se para eses turistas o lugar onde chegaron era o paraíso, mais para min deixou de selo en cuanto eles apareceron.

Ponte en Guinea Bissau

Esta sería unha primeira lectura do “paraíso perdido”, pero démoslle unha volta máis. Cremos que neses paraísos non hai inxustizas, que non existen abusos? Ou, como acontecen entre os nativos, nós (europeos) non nos sentimos afectados? Ese mesmo lugar do que falaba antes, hoxe en dia, igual que todo o norte de Mozambique, sofre regularmente ataques de supostos islamistas que queiman colleitas e aldeas e decapitan a todos os que conseguen apañar. Esa violencia non fai máis que responder a situacións pre-existentes de inxustizas estruturais, de falta de diñeiro, de crianzas que morren por falta de medicamentos esenciais, ou, peor aínda, de mala alimentación… A idea do paraíso perdido é un mito romántico que os occidentais levamos moito a peito desde o século XVIII e esta relacionado co exotismo, coa idea que os pobos que non tiveran contacto coa civilización (occidental) son alegres, xenerosos e desfrutan da simple beleza das cousas, etc. Unha vez mais, o que estamos é a facer perdurar unha iconografía moxigata, que se alimenta das fantasías que aparecen de tanto ollar o proprio embigo e que se traduce nos últimos anos en consumo de produtos de turismo mais caros.

-Temos entendido que o teu traballo é de cooperante internacional. En que consiste exactamente o teu labor? Elixíchelo ou elixiuche? Ten o teu traballo a culpa de tanta viaxe e da túa traxectoria polo mapa mundial?

-O termo cooperante internacional afortunadamente úsase pouco fóra de España; nos anos 90 era un tipo/a que cheo de boas intencións e con poucos coñecementos técnicos marchaba a construír unha escola ou un pozo de agua en algún país que aprendeu a colocar no mapa un mes antes, financiado con algunhas migallas doadas por algunha institución que quería ser moderna. Eu prefiro chamar a esa xente de perroflautas, porque a grande maioría mergullan no mesmo racismo sociolóxico ao que me referín antes: “coitadiños dos negriños que precisan que veña unha rapaza sen idea de xestionar un proxecto, nen de construción, a tentar facer algo que eles, que moran no lugar, constrúen edificios e infraestruturas, non saben facer…” Se queres vir a aportar algo a países pobres, tes que traer coñecementos técnicos que non están dispoñíbeis nos países. Se o que queres é “mudar o mundo”, mellor mudar Europa, que esta chea de pobres e de xente (incluídos políticos) con mentalidades avarentas que son unha das causas últimas que os países pobres continúen a non erguer a cabeza (a outra son os gobernos corruptos que teñen, que os gobernos europeos, entre outros, contribúen a manter para facer negocio)

Pescador despezando peixe en Mauritania

Eu comecei como loxístico de emerxencias e traballei niso durante varios anos, logo estudei saúde publica e especialiceime en expansión de tratamentos para malaria e de SIDA en países pobres. Dito o cal, si, traballo na cooperación internacional. Todo o que dixen antes pódeseme aplicar… No inicio, escollín este traballo, ou case mellor chamado “este modo de vida”. Fixen esta escolla de maneira racional: era a forma máis “segura” de viaxar e responder a esa necesidade vital de ter as experiencias que tanto ansiaba. Hai outras maneiras, mais se cadra son moito máis difíciles, e por iso teñen mérito, caso do xornalista, do fotógrafo, do cartógrafo; ou simplemente do auténtico viaxeiro, que vai polo mundo por simple pracer e por curiosidade, cos seus medios, sen ter unha organización atrás que coide del e lle pague un salario e máis as viaxes.

-Unha parte importante do teu traballo humanitario-xornalístico semella estar relacionada co cambio climático. Como afecta este proceso aos países nos que viviches e á xente coa que conviviches? O drama do quecemento da Terra afectaranos a todos, pero, polas túas fotos, deducimos que os primeiro prexudicados son os países africanos, é certo isto?

-As mudanzas climáticas que ocasiona o continuo quecemento do planeta devido ao efecto invernadoiro é unha cousa diferente da degradación ambiental física. O responsábel último é o ser humano, mais as causas son diferentes. E, da mesma maneira, as solucións tamén. De facto, o título daquel post sobre Malaui, Cambio Climático, é unha ironía: resulta moi doado atribuír inundacións ao cambio climático, mais neste caso é a deforestación causada pelas empresas que producen tabaco e té, xunto co exceso de poboación rural á que o Estado non fornece de enerxía, e ten que procurar leña para aquecerse e cociñar. A degradación dos ecosistemas afecta a todos os que encontran seu sustento neles: os pescadores, os agricultores… a diferencia é que nos países pobres non teñen sistemas de servizos sociais que mitiguen os efectos económicos nos ingresos daqueles que están na base da pirámide da produción. A visión que nos é dada é que a natureza é algo con o que facer diñeiro: se non extraes produtos que se poden vender, xa sexan repolos, sardiñas ou experiencias de turista, non ten interese para a sociedade. Tentan facernos ver que esta é a única visión realista, que o de protexer os ecosistemas é inxenuo ou utópico… No meu blog teño un post, breve, onde se dá o exemplo do descenso en 30 anos dun 75% nas capturas de polbo nos principais portos da Costa da Morte. A maior parte do polbo que se comercializa hoxe en Galicia vén do banco sahariano, porque nas nosas costas case non hai; esta situación, que acontece na maior parte das pesqueiras, é a ruína para os nosos pescadores de baixura e para o futuro da nosa poboación costeira.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...