
20190828
O proceso de humanización de Ribeira prosegue este verán, por exemplo na contorna da antiga estación de autobuses (de cuxos traballos para convertela en área axardinada e de lecer falamos onte en O Barbanza) ou, tamén, na rúa de Lugo, a comprendida entre Rosalía de Castro (á altura do Consistorio) e Cristóbal Colón. Os traballos na rúa de Lugo comezaron esta primavera, en maio, trala adxudicación en 164.000 euros (cun prazo de tres meses) a Xestión Ambiental de Contratas. O proxecto, que responde á estratexia do Concello crear espazos urbanos accesíbeis e de tráfico calmado (con prioridade para os peóns), converterá o dito treito urbano nunha rúa humanizada con plataforma única para calzada e beira.
O proxecto estenderase a zona lindeira da contorna da praza do Concello, abranguendo o treito entre a confluencia con Marcial de Adalid e o entronque co tramo peonil de Rosalía de Castro. Nos dous casos, porase pavimento de formigón semi-pulido intercalado con franxas transversais de lousas de granito. As beiras serán de granito silvestre. A idea é prolongar a feitura da parte inferior de Rosalía de Castro. Calcúlase que os traballos estean rematados despois do verán.