
20190809. Mar de Maeloc é un proxecto nacido co obxectivo de incrementar a notoriedade náutico-deportiva de Galicia no Arco Atlántico integrando as tres regatas máis antigas e tradicionais das augas galegas: Rías Altas, Finisterre e Rías Baixas. Esta última desenvolverase do 14 ao 17 de agosto, converténdose A Pobra da Caramiñal na sede da regata na ría de Arousa o día 15. No acto de presentación estiveron o rexedor pobrense, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira de Turismo, Charo Varela; o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela; e Manuel Seoane, en representación de Maeloc.
A edil Charo Varela expresou a súa satisfacción polo feito de que se conte un ano máis coa vila para esta regata xunto con Sanxenxo e Combarro. Estes son “tres portos importantísimos en Galicia, tanto a nivel turístico coma deportivo.” Isto ten unha “importancia significativa para o concello”, pois atrae a un gran número de persoas, o cal dinamiza a economía do municipio.
O presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, manifestou que “por grandísima maioría, tódolos tripulantes, tódolos barcos que participan na regata Rías Baixas queren vir á Pobra, é dicir, para nós é un porto clave.” No que respecta á regata, participarán en torno a 70 ou 80 barcos, traducíndose nunhas 2000 persoas que acompañan este evento deportivo, cifra na que se atopan os 700 tripulantes. Portela tamén sinalou que “estamos falando da regata máis antiga e de maior número de participantes en regatas de etapas de España.” Deste xeito, haberá un gran nivel competitivo.
Pola súa parte, Manuel Seoane, en representación de Maeloc que patrocina esta cita, expresou que “é un pracer estar nesta vila preciosa, que foi distinguida como a máis bela de Galicia.” Seoane indicou que ao longo da traxectoria desta regata, só houbo unha ocasión na que non chegaron ao porto da Pobra. Tamén explicou que Maeloc é unha sidra galega que “representa os valores de modernidade, galegabilidade e sostibilidade”, sendo o nome tomado dunha importante figura da historia de Galicia porque foi quen trouxo aos celtas bretóns a territorio galego no século VI e acabou converténdose no primeiro bispo democraticamente elixido polo pobo para representar na Santa Sé. Ademais, apuntou que o produto que envasan é galego e toda a mazá que se traballa é ecolóxica e galega. Así mesmo, precisou que adaptándose á normativa estatal “nós nesta regata acordamos solicitar ser un proxecto sostible con detalles que son máis que simbólicos” coma, por exemplo, que as camisetas da regata están sacadas do plástico marítimo, a tinta é ecolóxica, o papel empregado é reciclado, non utilizan adhesivos e as bandeiras son de material reciclado.
Por último, o rexedor Xosé Lois Piñeiro aproveitou para expresar o seu agradecemento ao Real Club Náutico de Vigo e ao patrocinador Maeloc, pois esta regata xa está consolidada no calendario da Pobra do Caramiñal permitindo fomentar a actividade deportiva e amosar aos visitantes “a hostalería, recursos turísticos, monumentos que están a dous pasos da mariña.”