
20190827 A Biblioteca Municipal de Boiro, emprazada na Casa da Cultura, está a encarar a recta final da tempada estival cun programa de actividades creativas que teñen o nexo común de mobilizar o pensamento e o enxeño da xente nova.
Entre as actividades previstas atópase un faladoiro para nenas e nenos de entre 11 e 16 anos, unha xuntanza de microdebates sobre temas de actualidade, como poden ser a situación política (marcada pola xuntanza do G-7 en Francia e as protestas polos grandes problemas mundiais que seguen sen ser solucionados polas grandes potencias), os problemas medio-ambientais (que colleron un novo cariz, estes días, cos incendios do Amazonas), a violencia de xénero ou o emprego (racional, ou non) das novas tecnoloxías a nivel persoal e escolar. O faladoiro, que ten aberto o prazo de inscrición, celebrarase este 28 de agosto a partir das 11.00 horas. A cita vén da man do Concello de Boiro e a Deputación da Coruña.
Á devandita actividade de microdebates de actualidade para a rapazada únese o obradoiro de experimentos científicos que se celebrou na Biblioteca Municipal o sábado pasado, o 24 de agosto, e que se dirixiu a alentar o talento e as capacidades da mocidade local en materia STEM, ou sexa, en materia de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Na cita participaron nenas e nenos de 5 a 8 anos. Foi organizada polo Concello e maila Deputación da Coruña.