TechKids introducirá á rapazada de Boiro nos segredos da robótica

15 Xullo 2019

20190715 O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) van converter os concellos da nosa terra, nestes meses de verán (xullo, agosto e setembro), nun gran obradoiro lúdico-formativo sobre as máis prometedoras e enriquecedoras tecnoloxías dixitais. Estamos a falar dunha nova chuvia de sesións TechKids: xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons, creación de aplicacións móbiles e videoxogos e animación 3D, todas elas co nexo común de impulsar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. A xira, que se enmarca no Plan DigiTalent, da AMTEGA, chegará a Boiro o día 19 de agosto, en horario de 10.00 a 14.00 horas, na aula CeMIT local. Na vila barbanzá celebrarase a xeira divulgativa sobre robótica.

Serán un total de 40 xornadas nas aulas CeMIT en diversos concellos das catro provincias galegas: ademais de en Boiro, recalarán en Tomiño (hoxe), Burela (mañá), Brión, Ames, Fonsagrada, Xunqueira de Ambía, Carballedo, Oroso, Fisterra, Pontevedra, Sarreaus, Beariz, Bande, Ribadeo, Cuntis, Valga, Leiro, Boiro, O Barco de Valdeorras, Pontedeume, Betanzos, Barreiros, Santa Comba, Ortigueira, Guitiriz, Padrón, Arzúa, Moaña, Abegondo, San Sadurniño, O Porriño, Celanova, A Coruña e Cerdeda. Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na aula CeMIT da súa localidade.

Programación e robótica

Entre as cousas concretas que vai achegar o programa para a rapazada, atópase o obradoiroRobótica para tod@, que chegará a Boiro o día 19 de agosto, como dixemos, e que salienta por mesturar algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presenta o resultados dun xeito diferente”.

A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variábeis e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras.

Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido a máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis AMTEGA.

Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construído un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...