20190703. O salón de plenos de Ribeira acolleu na tarde de onte a recepción oficial a tres equipos do Sálvora C.F. que veñen de protagonizar éxitos nas súas respectivas tempadas. Estes foron o equipo Infantil A, que acadou o ascenso á Liga Galega; o Alevín A, campión da Primeira Copa de Santiago; e, o Alevín B, campión de liga.
O alcalde Manuel Ruiz presidiu o acto no que a nova concelleira de Deportes, Juana María Brión Santamaría, ofreceu a súa primeira intervención pública neste cargo, manifestando que “non é mellor o que gana, senón o que non se da por vencido. Entón, espero que vós tampouco vos deades por vencidos, isto foi un éxito moi grande para Ribeira e espero que sigades sempre arriba.”
Tamén estivo o presidente do Sálvora, Ramón Martínez Becerra, quen destacou os méritos logrados por estes futbolistas xogando nun club modesto “polo que temos que estar orgullosos de toda esta tempada, todos cumpriron nas súas medidas, nas súas posibilidades.”
Ruiz Rivas entregou unhas placas conmemorativas a cada un dos equipos e lembrou a relevancia da “colaboración entre tódolos clubs, para que o importante sexan os rapaces, sexa a canteira e que, agora que logran ese éxito tan esperado que é o ascenso á Liga Galega, sexan quen de consolidarse.”
Entre o público que abarrotaba o salón de plenos, estiveron presentes concelleiros de diversos grupos políticos. O acto concluíu na praza do Concello cunha multitudinaria foto de familia.