Os socialistas de Ribeira presentan unha proposición en relación da nova RTP no Concello

20190712. O grupo municipal do PSdeG-PSOE ribeirense presenta ao pleno unha proposición respecto á falta de actualización da nova Relación de Postos de Traballo (RPT) dos traballadores do Concello.

Os socialistas indican que a RTP é o instrumento técnico sobre o que as Administracións Públicas deseñan a súa estrutura para adecuala ás necesidades do servizo público, tanto internamente coma de cara á cidadanía. Deste xeito, sinalan que se converte no eixo sobre o cal pivota a xestión de recursos humanos, así como que non ten en consideración á persoa que ocupa o posto de traballo senón ao posto en si.

Así mesmo, manifestan que “é unha ferramenta organizativa fundamental que se non está ben definida ou non existe pode carrexar problemas de transparencia e prácticas indebidas.” Ademais, expresan que debe ser un instrumento dinámico que as corporacións locais deben modificar cando responda a unha prestación dos servizos públicos.

Deste xeito, expoñen que “en Ribeira cóbrense as baixas de funcionarios con persoal eventual, contratado con non se sabe que criterio exactamente, e pretendemos corrixir isto dando oportunidade a todo o mundo para acceder a estas prazas e, ao mesmo, tempo, proporcionar a debida estabilidade laboral aos titulares das mesmas. Que os funcionarios que teñan praza fixa, que ocupen o posto que lles corresponde, en función da súa categoría.”

Por todo isto, o PSdeG-PSOE insta ao pleno a unha remisión da nova RTP do Concello, a tódolos grupos municipais, así como o traslado do Catálogo a estes. Así mesmo, esixen que se establezan claramente tódolos postos que están cubertos pola RTP do Concello, “detallando o tipo de contrato que ten cada un deles, ben sexa persoal funcionario de carreira, persoal con contrato laboral, ou persoal con contrato eventual, especificando a súa antigüidade no posto de traballo.” Por último, solicitan que se lles proporcione a tódolos grupos municipais a relación dos servizos externos, “detallando que empresa é adxudicataria destes servizos, contrato baixo o que se rexe esta externalización, data de concesión e vencemento e criterios polos que se rexe a contratación do persoal por ditas empresas.”