O PSdeG-PSOE ribeirense levará ao pleno a instalación dunha rotonda na entrada ao peirao de Aguiño

20190711. Os socialistas de Ribeira levarán ao pleno ordinario de xullo unha proposición sobre a instalación dunha rotonda na entrada ao recinto portuario de Aguiño, onde se sitúa a lonxa. Desde o PSdeG-PSOE indican que valoran a demanda “reiterada de varios veciños, sobre as dificultades e dudas de tránsito, agás accidentes de tráfico, na vía pública que conduce a Lonxa e Peirao de Aguiño desde a Carretera Provincial CP-7305.”

As vías de servizo actuais son de dobre sentido de circulación, con sinalización horizontal de separación dos carrís, que canalizan o tránsito mediante pequenas isletas, polo que “na confluencia coa carretera CP-7305 e a entrada ao recinto portuario xenérase un espacio con múltiples movementos de tráfico pero con pouca regulación, e mal sinalizado, dando a equívocos, e provocando incidentes varios.”

Consideran importante o emprazamento desta infraestrutura posto que neste entorno establécense unhas empresas de importante actividade industrial, cun elevado número de traballadores da pesca e o marisqueo, así como un significativo tránsito de vehículos.

Deste xeito, sinalan que a implantación dunha rotonda “canaliza o tránsito e transforma as interseccións en incorporación polo que a accidentalidade potencial do cruce disminue dunha forma considerable. Ademais, refórzase a sinalización tanto vertical como horizontal da zona de actuación.”

Tamén entenden como necesario, desde o punto de vista da accesibilidade peonil, incorporar un paso de peóns que cumpra con todas as condicións básicas para persoas con discapacidade no que respecta a pendentes máximas, ancho, resaltes, rugosidade do pavimento e sinalización.

Por todo isto, instan ao pleno da corporación municipal de Ribeira a que se proceda a redactar, por parte dos servizos técnicos municipais, un proxecto de rotonda e adecuación da vía de servizo. Segundo manifestan, estas obras suporían un “importante investimento para garantir a seguridade dos veciños que se desprazan a diario por este entorno, e poden enmarcarse na aposta do goberno por mellorar a seguridade na rede local de estradas”, ademais de contemplarse a presentación do proxecto a través de programas da Deputación da Coruña, da Consellería do Mar da Xunta de Galicia ou de Portos de Galicia, de cara a súa execución.