20190715. O voceiro do grupo municipal ribeirense do PBBI, Vicente Mariño de Bricio, anuncia que presentará ao pleno unha proposición na que esixen a Portos de Galicia que atendan “as demandas en relación á ampliación de espazos e melloras de instalacións portuarias e atenda as alegacións presentadas ao proxecto de ocupación de terreos portuarios para depósito de contedores.” Isto refírese ao anuncio de exposición a efectos de prazo para exame de expediente e formulacións de alegacións ao proxecto presentado pola empresa Alimentos Cruz del Sur S.A. para a ocupación dunha parcela de 1.500 metros cadrados para a instalación de contedores destinados ao almacenamento frigorífico de produtos alimentarios perecedoiros no porto de Ribeira.
Os empresarios que resultarán afectados na continuidade da súa actividade pola devandita concesión que puidera outorgarse na referida zona portuaria, procederon a presentar en prazo as alegacións pertinentes a fin de que a concesión non perturbe o desenvolvemento da actividade de carga e descarga de túnidos que se vén realizando, a cal supón emprego para centos de persoas nos peiraos comerciais de Ribeira e A Pobra do Caramiñal.
Así mesmo, os traballadores afectados dese sector comunican que o proxecto vai supor unha maior ocupación e atranco de espazo, ao precisar máis superficie do porto sen ocupación para posibilitar a manobra do transporte pesado que tería que cargar e descargar os contedores.
Desde o PBBI, expresan que “a ocupación da que estamos a falar, ademais de crear un problema para a descarga de túnidos, actividade propia do peirao comercial, pode supor unha diminución das descargas e, consecuentemente, afectaría tamén á redución do emprego vencellado co sector.” Tamén fan fincapé no que consideran que sería un importante impacto visual, “facendo unha comparativa da ocupación solicitada cun edificio de catro plantas e 110 metros de longo, o que suporía que serían perfectamente visibles a gran distancia.”
Deste xeito, o grupo político liderado por Vicente Mariño de Bricio solicita o apoio dos membros da corporación municipal para chegar a un acordo no que se lle demande a Portos de Galicia “que dea solución ás demandas presentadas polos traballadores da estiba e consignatarias; implementar actuacións que incrementen a actividade de descarga no muelle de Ribeira e favorecer así o incremento do emprego dos estibadores, grúas e transportistas; e non autorizar ocupacións do porto comercial que supoñan unha merma ou obstáculo da actividade que alí se ven desenrolando, cun almacenamento de contedores frigoríficos cando ese depósito pode realizarse nun recinto fóra da zona do porto.”