O Museo Valle-Inclán pobrense destaca como peza do mes unha carta do escritor a Manuel Azaña

20190723. A peza do mes do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal é unha carta autógrafa escrita o 10 de xullo de 1922 por Ramón María del Valle-Inclán a Manuel Azaña. O conxunto de misivas enviadas ao político entre 1921 e 1923 é previo aos seus abertos postulados republicanos da década de 1930. Nese espazo de 20 anos, a relación entre ambos persoeiros incrementouse, intercambiando opinións literarias, intelectuais e políticas cando Azaña era director de revistas literarias coma La Pluma e recibía orixinais de Valle-Inclán, quen lle confía publicacións e xestións editoriais.

Entre os orixinais deste período, os datados en 03 de abril de 1921, na Mercé, 10 de xullo de 1922, en Madrid, e 28 de decembro de 1922, na Pobra do Caramiñal, custódianse no museo da vila, mentres que o resto repousa na Biblioteca Nacional. Da súa lectura extráese o envío do esperpento Los cuernos de Don Friolera, teatro social no que o escritor critica os prexuízos morais dunha España decadente, así como de Cara de Plata, retrato da Galicia rural do século XIX dominada pola vida feudal. Ambos textos foron remitidos para seren impresos en editoriais de Madrid.

Nunha das misivas, Valle-Inclán expresa a seguinte cavilación: “Estoy con la idea de sentar mis reales en Portugal. Cambiaré mis pocas pesetas por miles de reis. España junta en esta hora tantas vergüenzas, que huele como olía Dinamarca”. “[…] Me voy con mis lusos a gozar ―antes de morirme― el honesto esparcimiento de las revoluciones, y a ser millonario de reis”. Noutra, a carta exposta como peza do mes, da indicacións precisas sobre a tipografía que se debe empregar nun adianto de publicación de Cara de Plata nunha revista literaria: “Querido Azaña: Le / mando esas cuartillas de “Cara de / Plata”. Van sin / numerar, y sin / marcar con lápiz / rojo ―se le había / roto la punta―, las / acotaciones que / deben ir en cursi- / va. [p. 1] // Si puede ser, que com- /pongan en el / tipo de las come- / días bárbaras, se / lo agradeceré. / Un abrazo / Valle-Inclán.”

Esta correspondencia foi adquirida nunha poxa o 19 de febreiro de 2001.