O Edificio das Colonias de Boiro acubillará aulas e despachos para as entidades deportivas locais

23 Xullo 2019
O edificio nunha foto recente publicada por Manuel Velo (IC Boiro)

20190723 Entre os elementos arquitectónicos públicos de meirande potencial do concello de Boiro atópase sen dúbida o Edificio das Colonias, emprazado en pleno paseo de Barraña, un destacado inmóbel (pola súa fachada histórica orientada ao mar, polas súas dimensións, pola súa privilexiada localización lindeira ao areal e a súa extensa área de lecer) que nos últimos anos non contou con todo o nivel de actividade que merecera, tal e como teñen posto de manifesto as asociacións e os partidos políticos locais, que teñen criticado o seu uso limitado a almacén de equipamento municipal.

O edificio, promovido e construído en 1957 pola Caja de Ahorros y Monte Piedad de Santiago (primeiro foi sede de colonias infantís e logo un albergue que estivo operativo até a década dos oitenta), non conta a día de hoxe cun acondicionamento axeitado, tanto no relativo á construción en si mesma como no que atinxe á súa contorna. O actual Concello de Boiro, comandado polo novo alcalde José Ramón Romero García, Martiño, quere darlle unha viraxe á devandita situación de desleixo e abandono.

Segundo nos recordou Martiño nunha entrevista recente, o programa da súa agrupación (o PSOE local) recolle un capítulo específico para a posta en valor do edificio, unha liña de traballo que tamén abrangue o acondicionamento de “todos os inmóbeis que temos en desuso para que as diferentes entidades do concello poidan tirar proveito deles”. No caso do Edificio das Colonias, o uso que está previsto é “como espazo para as entidades e clubs deportivos, un lugar no que poidan gardar o material que precisen e tamén un sitio que poidan empregar como oficina”, sinalou o rexedor acerca da vindeira rehabilitación da construción, que incluirá aulas e despachos para garantir e impulsar a actividade de entidades como o Club de Piragüismo local.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...