
20190718. Con motivo do Día de Galicia o 25 de xullo, Carlos Ansoar, Adelina Ces, Xosé Vázquez Cobas e Ramiro Ouviña, en representación do BNG Comarcal, presentaron hoxe os actos que desenvolverán ao longo desta xornada, a cal foi escolleita en 1919 polas Irmandades da Fala co obxectivo de enxalzar o pobo galego.
O lema seleccionado para esta ocasión é ‘Democracia, soberanía e traballo’, mais sinalaron que tamén é “unha xornada de reclamar dereitos que temos que ter como pobo, de reclamar cousas que nos teñen que corresponder por cultura milenaria que somos.” Tamén apuntaron que “non nos temos por pobo mellor ca outro, pero tampouco somos peores ca outros pobos do Estado.”

O xoves 25 haberá autobuses de balde que sairán de Ribeira, ás 10.00 horas diante do mercado municipal pasando polo emprazamento da antiga estación; da Pobra do Caramiñal, ás 10.15 horas diante da praza Maior; de Boiro, ás 10.30 horas diante do Concello; e de Rianxo, ás 10.45 horas desde o aparcamento de buses. A volta está prevista sobre as 19.00 horas.
Así mesmo, o día 24 terá lugar o Festigal en Santiago de Compostela, onde participaran numerosos grupos coma De Ninghures, Brassica Rapa, Banda Bassotti ou Arrhythmia, entre outros.
Ademais, o sábado 20 celebrarase o acto comarcal previo a dita festividade, o cal se desenvolverá en Boiro. Esta cita consistirá nun percorrido que sairá, ás 12.00 horas, de diante do esteiro do río Coroño ata o pazo de Goiáns e volta ao punto de inicio onde transcorrerá un xantar de ‘convivio’, así como diversos actos políticos e culturais.
Deste xeito, convidaron a toda a veciñanza a participar nestes actos insistindo en que “esta festa ten carácter pacífico, lúdico e de reclamación de dereitos, podendo participar evidentemente todo o mundo.”