20190710. Hoxe inaugurouse no Auditorio municipal ribeirense o ‘Curso aplicado para a prevención e intervención en violencia de xénero’ que se celebrará do 10 ao 12 de xullo no municipio, e que leva desenvolvéndose ao longo de case 8 anos. Os encargados de facer a presentación deste evento foron o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz; a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mar Lorenzo; e os directores e secretario do curso, Gualberto Buela-Casal, Ramón Arce Fernández e José Díaz Fernández, respectivamente.
O primeiro en intervir foi Ramón Arce, quen indicou que, ademais de aprender, este curso tamén posibilita “establecer redes de contacto, tanto entre os relatores coma entre vostedes” para traballar en conxunto e prestarse apoio.
Pola súa parte, Buela-Casal puntualizou que a presente convocatoria “ten un éxito de afluencia de 130 persoas que proceden de case 30 provincias diferentes”, converténdose así nun dos de maior audiencia de todo Galicia; mentres que José Díaz destacou a experiencia dos relatores.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, manifestou que Galicia pasa a ser o epicentro “para informar e formar sobre a violencia de xénero, a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre mulleres e homes no mundo.” López Abella expresou que a eliminación da violencia contra a muller é un reto de toda a sociedade, “unha tarefa conxunta que require dunha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación.” Tamén sinalou que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado en decembro de 2017, axuda a seguir traballando na senda da coordinación, colaboración e cooperación entre tódalas institucións co obxectivo “de seguir concienciando á sociedade da necesidade de finalizar con esta lacra para entre todos erradicar completamente a violencia de xénero.”
Mar Lorenzo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, ratificou o compromiso do ente con este eido, tratándose do curso “máis numeroso da Universidade de Santiago de Compostela, polo tanto, de todo o sistema universitario de Galicia.” Así mesmo, precisou que “a palabra prevención é vital e cando falamos, sobre todo, da intervención en violencia de xénero”, axudando este tipo de convocatorias a levar a cabo o labor de prevención primaria.
Finalmente, o alcalde Manuel Ruiz pechou a inauguración coa súa intervención, na cal incidiu na necesidade de involucración por parte da cidadanía, especialmente “cando se ve que algunha parte moi estrema da sociedade empeza a dubidar das medidas que se toman, incluso empezan a dicir que se esas medidas favorecen en exceso á muller prexudicando ao home. Eu o primeiro que teño que dicir é que non creo en absoluto que iso sexa así, pero se fose así, ben merecido o temos durante os séculos e séculos que o home foi culpable de que chegásemos a esta situación, así que a emendar, rectificar e educar e tratar en igualdade.” Ademais, aproveitou a ocasión para convidar aos asistentes a desfrutar dos recursos do municipio, así como para presentarlles o proxecto do futuro Auditorio.
O curso posúe unha programación moi completa que inclúe as conferencias de expertos coma, por exemplo, María José Garrido Antón, Doutora en Psicoloxía, Capitán da Garda Civil, Secretaria de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior; María Ángeles Carmona Vergara, Presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) do Ministerio de Xustiza; e José Manuel Salgado, Catedrático de Dereito Penal da Universidade de Santiago de Compostela. O último día terá lugar unha mesa redonda titulada Son adecuadas as medidas da sociedade nos delitos de Violencia de Xénero en España?, así como a clausura e entrega de diplomas.