Concello e Deputación rematarán as obras da Casa-Museo de Rafael Dieste antes do verán

24 Xullo 2019

20190724 A vila literaria que Rianxo quere ser, unha vila que fale por si soa (mentres se camiña, se visita e se respira) d@s grandes escritor@s que alí naceron, ten un chan máis firme no que asentarse. A falta dun futuro claro para a casa de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que segue ensumida no abandono á espera de que prospere o seu propio proxecto de posta en valor, outro dos grandes símbolos residencias das nosas letras, a casa de Rafael Dieste, está a piques de abrir ao público para o desfrute da cidadanía e dos visitantes. Farao no seu emprazamento orixinal da rúa de Abaixo, a escasos metros da do gran poeta Manuel Antonio (que xa é un referencial museo dende hai uns cantos anos) e a de Castelao.

Así o fixo saber estes días o Concello de Rianxo, que anunciou o máis que posíbel remate das obras de acondicionamento antes de que finalice o verán.

O escritor rianxeiro, autor de Dos arquivos do trasno, no seu domicilio

Como lembraremos, a casa de Dieste está a ser obxecto dunha reforma interior ao abeiro dun convenio asinado entre o Concello e a Deputación da Coruña. O obxectivo: crear unha casa-museo sobre a vida e o importante legado artístico do autor de A fiestra baldeira e Dos arquivos do trasno.

Respecto dos adiamentos sufridos no proceso de posta en valor, foron debidos á aparición dunhas pías de pedra (unhas pías de peixe de época moderna, pero con importante valor etnográfico e cultural) e á adaptación do proxecto a estes achados. O alcalde Adolfo Muíños lembrou nunha entrevista recente que “as obras avanzan a bo ritmo, e que a previsión é que os traballos da última fase do proxecto estean rematados a finais deste mes de xullo”, precisamente.

O proxecto remóntase a hai dous anos, co convenio formalizado entre as dúas entidades devanditas para “avanzar no deseño da vila literaria rianxeira”, unha iniciativa que terá o seu eixe fundamental na rúa de Abaixo, que é onde se emprazan os tres devanditos e ilustres inmóbeis.

O convenio para dar forma á nova casa-museo que está a piques de abrir as súas portas foi asinado na propia residencia de Dieste pola daquela vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños. Segundo fixeron saber, o orzamento foi de 236.820,82 euros, dos que 189.456,66, o 80 %, proviñan de fondos da Deputación.

“Con este proxecto, queremos impulsar a condición de Rianxo como vila literaria, tamén como motor de dinamización turística e económica, á maneira doutras casas de referencia no país como a de Rosalía de Castro en Padrón que son espazos moi visitados, non só pola propia veciñanza que lle dará uso, senón tamén por estudantes e persoas que queren render homenaxe aos tres autores que viviron nesta rúa”, sinalou daquela Sanmartín Rei.

Pola súa banda, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, enxalzou a importancia literaria e cultura da rúa de Abaixo, “un referente para a visita turística e cultural non só para Rianxo senón para todo o país e para o mundo, en especial nos países e nas amplas relacións en que a familia Dieste deixou pegada”.

As obras que están a piques de rematar céntranse en subministrar os elementos que formarán parte do futuro museo, como o mobiliario orixinal, o piano do escritor, as coleccións de partituras e as primeiras edicións das obras do autor rianxeiro. A idea básica é devolver ao fogar o valor de punto de encontro que tivo en vida do escritor e da súa muller, Carmen Muñoz, “cando era centro dunha irradiación cultural na que se sentía a música ao vivo e se prestaban libros antes de que esta vivenda padecera tamén a longa noite de pedra”, explicaron Adolfo Muíños e Goretti Sanmartín.

Amais das intervencións no mobiliario e na habitabilidade (incluíndo a reconstrución dos espazos orixinais do fogar) e do acondicionamento dunha sala de actos e de exposicións, as obras abrangueron traballos de cimentación, saneamento e pluviais, consolidación a estrutura, albanelería, carpintería interior, instalación eléctrica e protección contraincendios, instalación de fontanería e calefacción, revestimentos e ascensor.

A casa de Rafael Dieste é un inmóbel do século XVIII emprazado no centro histórico de Rianxo e leva deshabitado desde a morte do escritor, hai un cuarto de século. Foi adquirida polo Concello en 2007 e no ano 2012 foi obxecto dunha restauración no tellado e máis no exterior.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...