O concurso Youtubeir@s, Premio Mil Primaveras

28 Xuño 2019

20190628 O certame Youtubeiras.gal, o concurso impulsado por unha manchea de concellos da nosa terra (entre os que se atopa o de Rianxo), as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña para invadir as redes con vídeos en galego, vén de ser obxecto dun importante recoñecemento: o Premio Mil Primaveras que concede a Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL).

Segundo fai saber esta agrupación, a proposta youtubeira é o proxecto galego máis innovador do ano. No palmarés (noutras categorías) tamén están Modelo Burela, Falemos de ti e min, Desafío 48, Eu presumo de galego e GCiencia.

O premio ao Proxecto Youtubeir@s (organizado polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua) foi desvelado onte da man do xurado do galardón, que viu no concurso “unha iniciativa que aborda un medio prioritario para o futuro do idioma”, xa que a creación de contidos na nosa lingua a través da plataforma Youtube xera “unha grande atracción na xente nova”.

O xurado, ademais, engadiu que o proxecto “favorece que as persoas que transmiten a través de Youtube o fagan en galego e que as que comunican na nosa lingua o fagan en Youtube”.

Os Premio Mil Primaveras, creados neste 2019 pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, teñen como obxectivo valorar, recoñecer e difundir accións, campañas e programas que serven para fomentar a lingua e para incrementar tanto o seu uso coma o seu prestixio.

A organización de Youtubeir@s, que neste 2019 acada a súa terceira edición, amosou a súa gratitude por este galardón, que significa un “auténtico pulo para continuar a medrar” no futuro.

Premios Youtubeir@s

Os Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, o certame repartirá un total de 6.500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

Outros artigos

Persoa trasladada logo dun incendio nunha cociña en Rianxo

Unha persoa foi evacuada ao Hospital Clínico de Santiago tras un lume que queimou a campá extractora e os mobles da cociña dun piso na rúa de Xosé María Brea Segade, en Rianxo. Foi a Policía Local a que informou ao 112 Galicia do incendio dez minutos despois das 5...

+

O Club Náutico de Rianxo achega en agosto un curso de vela lixeira

O Club Náutico de Rianxo acolle, do 3 ao 7 de agosto, un curso de iniciación á vela lixeira co que colabora o Concello de Rianxo. Pola esquerda, o presidente da Federación Galega de Vela (Manuel Villaverde), o rexedor Julián Bustelo e o vicecomodoro do Club Náutico de...

+

Conta atrás en Rianxo para o inicio da Feira do Libro

Este xoves 23 pola mañá abrirá a Feira do Libro de Rianxo co pregón de Anxo Angueira, escritor veciño de Manselle (Dodro) e presidente da Fundación Rosalía de Castro, autor de obras capitais da literatura galega como Pensa Nao, Premio Xerais de Novela en 1999. Ata o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.