JEALSA fortalece a súa vertente solidaria con novas doazóns á nenez

28 Xuño 2019

20190628 O grupo boirense JEALSA vén de dar un novo e importante na súa vertente social e solidaria. Trátase da súa adhesión ás campañas de recollida de leite e vacinación infantil impulsadas por Obra Social e La Caixa, en colaboración con CaixaBank. Estas iniciativas son Ningún neno sen bigote (a de recollida de leite) e Gavi the Vaccine Alliance (a de vacinación).

O acordo levouse a cabo este xoves na sede JEALSA, nun acto no que participaron o presidente Jesús Alonso e a directora de Banca de Empresas de CaixaBank en Galicia, Catalina Gumma, quen agradeceu a colaboración da empresa de Boiro e recoñeceu ao seu presidente “a sensibilidade que caracteriza á empresa”. Segundo fixo saber, a doazón irá destinada a reforzar a atención a máis nenos galegos nestes meses de verán, “cando máis escasea o leite nos bancos de alimentos”, e a vacinar máis rapaces nos países de África e Latinoamérica nos que se leva a cabo a devandita campaña.

Jesús Alonso, pola súa banda, lembrou o labor que se está a desenvolver a través do programa de Responsabilidade Social Corporativa de JEALSA: “Os nenos son unha prioridade xa que entendemos que, en calquera sociedade, eles son os máis vulnerables”. A doazón realizada pola conserveira permitirá prover aos bancos de alimentos de doce mil litros de leite. Esta campaña ten como finalidade emendar o déficit de leite que sofren máis de 1,5 millóns de persoas en España (das que máis de 220.000 son menores) que poderían ver afectado o seu crecemento debido á dita carencia. JEALSA lembra que en Galicia máis de 52.000 persoas recorren decote aos bancos de alimentos galegos para cubrir as súas necesidades nutricionais.

Polo que se refire ao apoio á campaña Gavi, the Vaccine Alliance, o acordo asinado esta semana significa a renovación dun compromiso (o de JEALSA) que se remonta a hai varios anos. Detrás deste programa atópase a Alianza Empresarial para a Vacinación Infantil, promovida pola Fundación Bancaria La Caixa. O obxectivo é loitar contra a mortalidade infantil, facilitando o acceso dos nenos á vacinación e mellorando o sistema sanitario dos países máis pobres do mundo. A contribución feita por JEALSA acadou os 24.000 euros, grazas ao sistema de Matching Fund da Alianza para a Vacinación, que multiplica por catro as doazóns recibidas.

Outros artigos

San Vicente de Cespón celebra as festas do seu patrón

A parroquia boirense de San Vicente de Cespón celebra esta semana as festas na honra do seu patrón. Será unha festa en dúas quendas: por unha banda a vertente relixiosa que se concentra este mércores 22 e pola outra a troula nocturna do sábado 25 de xaneiro (a partir...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión