
Se houbo un escenario político que mantivo a intriga ata o último momento, ese foi Ribeira. Tanto polo número de partidos que se disputaban a alcaldía coma polos resultados finais. A lista do PP liderada por Manuel Ruiz Rivas logrou ser a máis votada mantendo así os 9 escanos cos que xa contaba, pero sen acadar a maioría absoluta estipulada en 11.
Por outra banda, o Partido Barbanza Independente de Vicente Mariño de Bricio irrompeu no panorama político ribeirense con 7 actas, mentres que tanto o PSdeG-PSOE coma o BNG, encabezados por José Manuel Vilas Álvarez e Xosé Vázquez Cobas respectivamente, conseguiron 2 concelleiros cada un. E tamén destaca a entrada en escena da agrupación Suma Ribeira con Xurxo Ferrón Vidán á cabeza que acadou 1 edil.
Deste xeito, Iniciativa Progresista de Ribeira capitaneada por Rosa García Pose e Ciudadanos por Laura Riveiro Rodríguez perderon os seus representantes na corporación municipal, así como o Compromiso por Galicia de Óscar Casáis Montemuíño que non conseguiu entrar no consistorio.
Nun primeiro momento, e debido a que a situación está moi fragmentada, resultaba inviable a formación dalgún pacto para afrontar este novo mandato, polo que o PP revalidaría a alcaldía en minoría. Finalmente, Manuel Ruiz decidiu tender a man aos demais partidos políticos para a formación de goberno. Pola súa parte, Vicente Mariño fixo o propio co PSdeG-PSOE, BNG e Suma Ribeira.
Pouco despois, Suma Ribeira expresou a súa decisión de “non apoiar a ningún dos posibles candidatos na votación no vindeiro Pleno de proclamación do Alcalde.” Así mesmo, indicou que consideran isto “totalmente compatible con reunirnos con todas as organizacións políticas con representación na Corporación que nolo soliciten, e cremos esencial facelo porque entendemos que nos agarda un importante, inxente e ilusionante traballo durante os próximos catro anos, nos que sen dúbida será fundamental escoitar, dialogar, debater e chegar a acordos coherentes con todas as forzas políticas sen exclusións; tamén con forzas políticas sen representación na Corporación, organizacións e movementos sociais.” De feito, este venres celebrarán unha “nova asemblea aberta, informativa e participativa” na Casa do Mar de Ribeira.
O BNG decidiu organizar unha asemblea local na que aprobou a abstención do partido no pleno de investidura, ao mesmo tempo que ratificou a Xosé Vázquez Cobas como líder da formación.
Un panorama que facilitaría a investidura de Manuel Ruiz como alcalde en minoría, pero segundo fontes fidedignas consultadas polo Barbanza, Vicente Mariño de Bricio e José Manuel Vilas Álvarez, cabezas de lista do PBBI e PSdeG-PSOE respectivamente, mantiveron unha reunión nun local hostaleiro do municipio ribeirense. Ao parecer, estarían achegando posturas para un posible pacto que posibilitase o renovación da alcaldía.
Coméntase que Vicente Mariño estaría disposto a cederlle a alcaldía aos socialistas ou aos nacionalistas co obxectivo de facilitar o cambio. Os socialistas ribeirenses celebrarán este sábado unha xuntanza para decidir a súa postura de cara a elección de alcalde o día 15.