Axóuxere encara o verán con grandes novidades editoriais e co regreso da súa residencia de escritores

10 Xuño 2019

Axóuxere, editorial e comunidade rianxeira de lectores e escritores, está a encarar esta primavera-verán unha nova etapa na súa andaina: unha ponte cara a terreos inexplorados da literatura, o pensamento e a convivencia arredor dos libros. En certa maneira, as fronteiras da residencia de escritores de Axóuxere en Brión amplíanse co novo programa de actividades da mesma maneira que espalla límites con cada hóspede-ocupante estival.

Respecto da residencia, ese lugar onde escritores e pensadores de todo o mundo toman un respiro para coller impulso creativo, collerá novos azos os meses vindeiros cunha nova convocatoria. Se ben a edición 2019 vén con certo atraso, segundo nos contan os responsábeis de Axóuxere (José Manuel Tubío, Roberto Abuín, Nora Viéitez e Rafa Xaneiro), a mediados de verán as estancias e mobiliario da casa que a editorial ten en Brión volverán vibrar coas novas estadías de traballadoras/es do ensaio, a novela ou a poesía: novas caras para un proxecto sen arela de lucro que prolonga o papel de Rianxo como o referente que sempre estivo chamado a ser en materia literaria, agora co engadido extra de ser un foco de ligazóns, fitas e pontes que engancha a nosa terra con todos os recantos do mundo onde pode latexar unha comunidade literaria e unha arela de compartir.

Ao impulso á residencia e ao seu papel como referente creativo que se prolonga (malia os intres de impasse que se derivan de calquera proxecto artístico lanzado cos mínimos recursos) dende 2012, súmanse unha serie de novidades editoriais de Axóuxere que non se poden deixar no tinteiro. Por exemplo, a recente publicación-presentación do libro Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno, de Roberto Abuín, que é tamén un dos integrantes do selo rianxeiro. Trátase, segundo nos lembran, “dun libro cunha escrita arriscada e pouco habitual no noso contexto, a medio camiño entre a poesía, a narrativa e a filosofía, que explora e relé o mito do descensus ad inferos protagonizado por Orfeo e Eurídice”.

Outra novidade, esta tamén, é a obra Im-pulsos creativos. Canles alternativas de creación contemporánea, libro coordinado e editado por Arantzazu Pérez Indaverea e a ribeirá Lucía Romaní. O libro recolle once textos doutros tantos proxectos de carácter creativo e cultural (A Artística, Axóuxere, Liceo Mutante, Espazo Extramuros ou Hábitat Social, entre outros), en boa parte autoxestionados. Amais, a editorial rianxeira destaca que son textos “orientados cara a modos de entender a creatividade como valor social intrínseco e, fronte á tan estendida competencia do sistema produtivista, tecedores do comunitario, indo alén dos modelos tradicionais pechados e inamovíbeis”.

E entre as cousas que veñen de saír do prelo (este mes de maio que vimos de deixar atrás) e nos tocan a todas e todos de preto, esteamos ou non tocados pola ferida do pensamento e a filosofía, atópase Na defensa dos animais, do filósofo e experto en ética animal da USC Oscar Horta. Trátase, en palabras de Axóuxere, “dun libro moi interesante arredor da cuestión animal, do especismo, e da relación que como sociedade e como individuos mantemos cos animais non humanos”. É ademais unha obra oportuna, no sentido de ser fonte e orixe de preguntas e reflexións “nun momento no que a conciencia social sobre este tema está a emerxer con forza”.

Por certo que Na defensa dos animais vense de presentar na Pobra, no marco da súa feira sobre medio ambiente.

Outra novidade programa para estas semanas é Vir a menos. Crítica da razón nihilista, do filósofo ourensán Brais González Arribas. Trátase dunha obra que, partindo dunha relectura do nihilismo clásico, reformúlao dun novo xeito e “conforma unha vía de pensamento que, transitando desde a ontoloxía até a economía, abre camiño para confrontar o exceso da razón hexemónica”. Ou sexa, a teima de enxalzar o desenvolvemento e a importancia do home por enriba de todas as cousas, unha teima que segue a coller novos azos grazas á suba do neoliberalismo. O libro leva un prólogo de Teresa Moure.

E xa para despois do verán abrollará de Axóuxere Un inesperado río de chuvia / Un insperat riu de pluja, do poeta galego residente en Xirona, Amauta Castro (heterónimo literario de Rafael Muñoz Castro). “Vai ser un libro en edición bilingüe galego/catalá, e será publicado de maneira simultánea en Galiza e Cataluña en colaboración coa catalá Edicions Tremendes”, explican.

Outros artigos

Rianxo volverá repartir frondosas para as franxas secundarias

O Concello de Rianxo confirmou o impulso dunha segunda edición do Plan de Recuperación de Árbores Frondosas nas franxas secundarias de protección contra os lumes forestais. Segundo confirmou o Goberno de Julián Bustelo, o Concello repartirá de balda plantas de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A nosa e a vosa ruada”. Luís Celeiro

“A nosa e a vosa ruada”. Luís Celeiro

Estaba sentada nunha parede baixiña, diante da porta da casa, no mesmo barrio que vivíasúa tía, na mesma rúa onde vivira súa nai, seu pai e onde viven agora moitos recordos,lembranzas da nenez, da mocidade, das historias que leu e das que lle contaron. Estaba,igual...