As peñas contarán con dous días de actividades nas Festas do Verán de Boiro

25 Xuño 2019

20190625. Coma cada ano regresan as Festas do Verán de Boiro e, con elas, as tradicionais peñas para aportar, se cabe, máis diversión e participación a unhas datas tan agardadas. Este ano celebran a súa décimo terceira edición e agardan superar as cifras pasadas de 30 peñas inscritas e 1.500 persoas. Por esta razón, desenvolverán a súa actividade ao longo de dous días. O venres, 5 de xullo, terá lugar o ‘Venres Peñeiro’ con pasarrúas ao cargo dunha charanga desde a praza do Concello ata o Parque da Cachada, ás 20.00 horas, e o Remember Fest con Euphoria DicoShow e DJ Goro, ás 22.30 horas, con música electrónica e techno.

O luns, 8 de xullo, será o propio ‘Día das Peñas’ no Parque da Cachada cunha programación do máis variada. As peñas xuntaranse ás 11.30 horas para, ás 12.00, comezar cos xogos e xa ao mediodía, ás 13.30, toca mollarse na festa da auga con mangueirazo de honra a cargo da deportista Ana Bugallo e sesión musical. Pero este festexo non é só para os máis maiores, os pequenos da casa tamén poderán introducirse no mundo peñeiro con xogos específicos para eles, ás 12.00, e nun emprazamento diferenciado do elixido para os adultos, apelando á responsabilidade dos proxenitores.

Debido ao éxito acadado na pasada edición, este ano levarase a cabo a ‘Romería das Peñas’. Por esta razón, Joaquín Riveiro, presidente das Peñas, expresou que “debémola institucionalizar como segunda reunión de peñas e como festa de despedida do verán.”

Este ano tamén estrean logo, o cal conta cunha serea e que representa á instalada na fonte da Cachada, facendo referencia ao mar, á música, á beleza e á xuventude.

Así mesmo, Riveiro fixo fincapé nas bases, as cales son o “respecto ás persoas e, de xeito especial, dos peñeiros ás peñeiras; respecto ao medio; respecto ás normas; e, aconsella, coida e protexe ás/ós compañeiras/os.” En canto ao segundo punto, sinalou que esta festa é unha das que menos lixo deixa nas inmediacións e o seu propósito consiste en acadar que, ao día seguinte das celebracións, o parque estea tan limpo coma outra xornada calquera. Para iso tamén contan coa colaboración do Concello, xa que o alcalde boirense, José Ramón Romero, precisou que hoxe mesmo mantivo unha reunión cos técnicos de medio ambiente para a cuestión dos contedores e destacou que “somos un dos Concellos que máis vidro recicla.”

Respecto do consumo de alcohol, Riveiro apuntou que sempre se fan indicacións específicas de beber con moderación e responsabilidade, así como a prohibición do consumo por parte de menores de idade, por iso sempre o recalcan e o manifestan nos carteis.

De feito, na súa ‘Carta Peñeira’ especifican que “se non respectas, se eres violento, se eres un porco, se non sabes beber ou te comportas de xeito que limitas a liberdade dos demais, non eres unha peñeira ou un peñeiro e, polo tanto, o teu sitio e a túa festa, non é o noso sitio nin a nosa festa. Si eres menor non bebas.”

Deste xeito, haberá que pasar por dous filtros para consumir bebidas alcohólicas. Primeiro, só os maiores de idade poderán adquirir o boleto que lle permita pedir as consumicións na barra instalada no parque e, segundo, na propia barra pedirán o documento de identidade para verificar a data de nacemento. Ademais, Romero manifestou que o festexo contará cunha xunta de seguridade encargada, ao mesmo tempo que a Asociación de Peñas, de velar para que todo transcorra sen incidentes, así como controlar a cuestión do alcohol.

Na presentación da cita tamén estiveron diversos membros da Asociación de Peñas coma Goxi, Siño, Teresa Oliveira, David Boga e Noelia Castaño.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...