A Pobra celebra o Mes do Medio Ambiente con charlas e unha macro-feira ecolóxica

07 Xuño 2019

Este 5 de xuño celebrouse o Día do Medio Ambiente, unha data para que tomemos conciencia da importancia de coidar do planeta, con xestos miúdos, sinxelos e cotiáns ou ben participando en grandes e mediáticas accións colectivas (propiciadas principalmente polas redes e as novas comunidades). Collendo este espírito e amplificando a celebración do 5 de xuño, o Concello da Pobra sumouse ás actividades mundiais da dita xornada co Mes do Medioambiente. O programa inclúe unha manchea de actividades lúdicas, formativas e gratuítas para a rapazada e para os maiores. O obxectivo: mostrar a diversidade biolóxica do concello para favorecer o seu coñecemento universal e, tamén, a súa protección.

O programa de actividades, para as que é posíbel inscribirse na conta medioambiente@apobra.gal, comezou este 5 de xuño no auditorio do Museo Valle-Inclán, ás 20.30 horas, cunha charla sobre a píllara dunar (Un fráxil tesouro por conservar nas nosas praias) a cargo de María Vidal, doutora en Bioloxía e investigadora no Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela.

As charlas e obradoiros continuaron o xoves na Aula de Estudo local, cunha acción formativa aberta para mostrar o que facer en caso de atopar na praia un cetáceo varado (a cargo de Alfredo López, biólogo do CEMMA, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), e, novamente no Museo Valle-Inclán, cun achegamento ás tartarugas e mamíferos acuáticos na Ría de Arousa.

Os devanditos relatorios servirán de antesala ao miolo do programa: a Feira do Medio Ambiente que se celebra o venres 7 (de 17.00 a 21.00 horas), o sábado 8 (de 11.00 a 14.00 horas) e o domingo 9 (de 17.00 a 21.00 horas) nos Xardíns Valle-Inclán da Pobra. A cita contará coa presenza activa de entidades como as protectoras Moura e Arca, o CEIDA, a Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, a entidade de reciclaxe Ecoembes ou a cooperativa galega Nosa Enerxía, entre outras. Nas casetas habilitadas nos céntricos xardíns da vila, as organizacións e asociacións mostrarán as súas actividades e proxectos.

A apertura oficial da Feira do Medio Ambiente levarase a cabo este venres 7 ás 17.00 horas. Máis tarde, ás 20.00 horas, celebrarase no Museo Valle-Inclán a presentación do libro Na Defensa dos Animais, de Óscar Horta, publicado por Axóuxere, o selo editorial de Rianxo.

Ao día seguinte, sábado, desenvolverase pola mañá, novamente nos xardíns, unha xincana ambiental para nenas e nenos de 6 a 12 anos. Nesta actividade, a rapazada realizará unha serie de probas de habilidade e enxeño con relación aos distintos ecosistemas que hai na Pobra: litoral (na praia dos Areos), marismas (paseo das Xunqueiras) e espazos verdes urbanos (xardíns Valle-Inclán). un agasallo.

Xa contra a última hora da tarde, ás 20.30 horas, o Museo Valle-Inclán acollerá o coloquio Causas, efectos e solucións da contaminación lumínica, da man de Marco Antonio Vilar Sanlés, socio activo dende 2009 da Asociación Astronómica Sirio. Unha vez rematada a charla levarase a cabo unha saída colectiva en autobús até o monte de A Curota para observar os ceos nocturnos da comarca do Barbanza, na compaña de especialistas en astronomía e contando con equipamento específico (telescopios e demais aparellos). Esta saída está aberta ó público en xeral, tanto nenas e nenos como adultos. Durará aproximadamente dúas horas. A encargada de mostrar as marabillas do ceo será a empresa Mundo Estrellado.

Logo da celebración da Feira do Medio Ambiente, o auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra acollerá o mércores 12 un coloquio a cargo de Alberto Ruano Raviña, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela. O coloquio desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: O radon e os seus efectos sobre a saúde. Medición e mapa de radon da Galiza.

O mércores 19, no mesmo emprazamento, está prevista outra charla, desta volta a cargo Rufino Vieira Lanero, doutor en Bioloxía e actual xefe da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con. Falará, a partir das 20.30 horas, da biodiversidade das augas continentais.

Por último, o mércores 26 de xuño, Ramsés Pérez Rodríguez, licenciado en Ciencias da Educación, educador ambiental e membro da asociación ecoloxista ADEGA, afondará na problemática das especies exóticas invasoras, a partir das 20.30 horas no Museo Valle-Inclán.

Outros artigos

A Regata Rías Baixas fará escala na Pobra o vindeiro 14 de agosto

A Pobra do Caramiñal acolleu este xoves a presentación da etapa da Regata Rías Baixas, que terá como destino a vila o vindeiro venres 14 de agosto, procedente de Portonovo. Trátase dunha das citas máis destacadas do calendario náutico galego, que reunirá na localidade...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polosalcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dostextos das esquelas que se publican nos xornais.O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas...

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

El rey ausente. Los muertos son números que forman parte de una estadística. ¿Números? Si. Si muere en el exterior, es el número del pasaporte, si muere en el hospital en número de la seguridad social, si muere en casa el número del DNI. Los 100 muertos en el mar,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.