Os programas electorais para Ribeira

21 Maio 2019

Manuel Ruiz – Partido Popular

Manuel Ruiz

Problemas

“As principais carencias son a falta de solo industrial e dunha circunvalación que vertebre o noso tecido viario e desconxestione a cidade”

Propostas

“As solucións xa están en marcha. Por unha parte, nesta lexislatura conseguimos aprobar inicialmente o proxecto dun novo polígono na zona de Fontenla, preto de Pedras Vermellas, e para este obxectivo logramos que a Xunta fixese un cambio legal porque senón non sería posible. E por outra banda, a Consellería de Infraestruturas xa está a traballar na redacción do proxecto da circunvalación, que roldará os 9 millóns de euros. Penso que a nosa boa sintonía coa Xunta de Galicia foi decisiva para desatascar estas necesidades históricas.
Ademais, avanza a bo paso a construción da nova estación de autobuses e do novo auditorio e colle corpo a vindeira posta en marcha dun punto de encontro familiar e dunha vivenda comunitaria para persoas en dependencia. Tamén se vai impulsar a nosa presenza en todo o concello: levaremos a oficina da alcaldía a todas as parroquias”.

Por que son de interese as súas propostas?

“Acabamos de presentar un programa con 130 propostas das máis de 250 que manexamos. A nosa credibilidade e capacidade de alcanzar acordos co resto dos grupos (só o 1% dos 287 asuntos que levamos a pleno decaeron, mentres que 215 foron apoiados por unanimidade) son a gran garantía de que, co Partido Popular, o noso concello seguirá crecendo”.

Xosé Vázquez Cobas – Bloque Nacionalista Galego

Xosé Vázquez

Problemas

“En Ribeira temos un problema social que abrangue a falta de emprego e todo o ámbito da desigualdade, das necesidades da xente. Tamén hai carencias en servizos básicos e infraestruturas: falta de mantemento en estradas, parques infantís, espazos verdes…”

Propostas

“Políticas de igualdade e conciliación, residencia de maiores 100% pública, defensa da sanidade pública, mellora do plan de transporte público (que foi unha idea do BNG). Que as parroquias teñan voz, que se revitalicen e se descentralicen as actividades.
Promoveremos o comercio local e a hostalería, con bolsas de aluguer de baixos comerciais, e melloraremos os aparcamentos gratuítos, incluíndo a remunicipalización do estacionamento do Centenario.
Rebaixaremos os impostos a empresas e autónomos que xeren emprego estábel, creando bolsas de prácticas para investigación, apostando polo turismo sustentábel… Crearemos solo industrial e emprestaremos especial atención aos servizos básicos de limpeza, alumeado, saneamento.
Tamén contemplamos un plan especial de mantemento dos equipamentos. Melloremos os parques infantís e farémolos cubertos e inclusivos”.

Por que son de interese as súas propostas?

“Temos a experiencia do traballo feito ao longo destes anos e moitas das nosas propostas son achegas da veciñanza. Contamos no BNG con modelos de éxito en Galiza que poden servir de orientación… Confiamos na veciñanza de Ribeira e das parroquias, a súa opinión será escoitada”.

José Manuel Vilas – PSdeG-PSOE

José Manuel Vilas

Problemas

“Os problemas principais son a falta de limpeza e mantemento no mobiliario urbano, dunha planificación axeitada na ordenación do tráfico interior, de infraestruturas viarias eficientes (circunvalación), dun plan director portuario e de solo industrial que poida xerar emprego. Amais, estase a perder poboación”.

Propostas

“Hai que ampliar o centro de día e comunicalo coas parroquias, planificar as actividades extraescolares coas ANPAS dos centros escolares e avanzar no mantemento das instalacións deportivas.
Ribeira tamén precisa dun plan director do Porto e integrar o parque periurbano na cidade e que se faga compatible co plan de accesibilidade universal.
Ten que haber unha reordenación racional do tráfico no interior de Ribeira e nas parroquias e máis unha lista de distribución electrónica en aras da transparencia na xestión municipal.
Hai que impulsar medidas que eviten a perda de poboación, dinamizar rúas para potenciar o comercio e o turismo, tirar proveito sustentable dos parques natural e nacional (plan turístico), impulsar rutas gastronómicas, crear o cuarto xulgado e habilitar unha nova residencia dos maiores e un rexistro de propiedade.
Ribeira ten que contar cun museo do mar, cun centro de interpretación das Illas Atlánticas e cun plan PRUX para o Parque Natural de Corrubedo. Debe haber un palacio de congresos e exposicións e unha estación de tren para o Barbanza. Esta última é unha iniciativa nosa que está sobre a mesa do Ministerio de Fomento”.

Por que son de interese as súas propostas?

“Porque demostramos ser serios e eficientes no labor municipal. Tras estes catro anos de acción política no Concello fomos quen de dar solucións a moitos problemas dos cidadáns”.

Laura Riveiro Rodríguez – Ciudadanos

Laura Riveiro

Problemas

“O Concello de Ribeira a día de hoxe enfrontase a catro grandes problemas. En primeiro lugar a falta de solo industrial esta lastrando o crecemento das empresas e impedindo a implantación doutras novas. En segundo lugar, Ribeira encóntrase nun estado de descoido e abandono por parte do Concello. En terceiro lugar, tras a peonalización é necesario crear unha alternativa para os vehículo. Amais, é preciso abordar o problema de inseguridade no que vive o noso concello”.

Propostas

“Para resolver o problema do chan industrial hai que seguir traballando no proxecto que xa está en marcha para que sexa unha realidade canto antes. En canto ao descoido das instalacións municipais e mobiliario urbano, cómpre crear un plan de conservación no que se recollan todas as necesidades e o seu cumprimento.
Unha infraestrutura necesaria para Ribeira é a circunvalación que minore o trafico rodado na nosa cidade así como a creación de novas prazas de aparcamento. En canto a seguridade, é necesario o aumento do número de policías locais e nacionais. Debemos de tentar conseguir o ratio de axentes recomendado”.

Por que son de interese as súas propostas?

“As propostas de Ciudadanos son medidas factibles e moi necesarias para mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Ademais, estes teñen a referencia do traballo realizado nestes catro anos nos que se conseguiron importantes melloras no Concello”.

Rosa García Pérez – Iniciativa Progresista de Ribeira

Rosa García

Problemas

“Para nós esta lexislatura ten que ser das persoas. A cidadanía é, por enriba de todo, a prioridade para Iniciativa Progresista de Ribeira. Un dos grandes problemas para nós é a situación económica. Ribeira está moi parada e hai dous sectores moi afectados, a hostalería e o pequeno comercio. Propoñemos, neste senso, un consello local cos dous devanditos sectores para conseguir dinamizalos. Por suposto, queremos que o polígono industrial deixe de ser unha quimera para converterse nunha realidade. Ademais, hai que dinamizar o turismo como actividade de ingresos”.

Propostas

“Hai que activar un consello local de hostalería e pequeno comercio, impulsar o polígono, poñer en valor o Parque Natural de Corrubedo e implicar as forzas económicas e sociais para facer unha cidade atractiva para o turismo. Habilitar un estacionamento de caravanas”.

Por que son de interese as súas propostas?

“IPdR non depende de intereses alleos, somos de Ribeira e o noso obxectivo é Ribeira. Os cidadáns saben que ofertamos traballo, pontes entre eles e o Concello e, sobre todo, honestidade. Queremos facer política para eles e para nós, pero a nosa política non e un trampolín para chegar a outros sitios. Para nos, Ribeira es ti”.

Óscar Casais Montemuíño – Compromiso por Galicia

Óscar Casais

Problemas

“Os principais problemas de Ribeira son a escaseza de mantemento nas beirarrúas e estradas, nos parques, nas instalacións deportivas e noutras infraestruturas. Hai que avanzar en participación da veciñanza, incluír ás parroquias e os diferentes colectivos. Hai que sacar o concello do estancamento en desenvolvemento empresarial, turístico e educativo”.

Propostas

“Cómpre poñer en marcha un plan real de reordenación do tráfico e estacionamentos e incrementar e mellorar as zonas de estacionamento público e crear unha ordenanza de accesibilidade. Tamén sería positivo habilitar parques multisensoriais e mellorar o mantemento e reparación do mobiliario público. Sería bo habilitar consellos nas parroquias ou elixir alcaldesas ou alcaldes para estes núcleos co fin de que teñan voz. E, tamén, modificar o regulamento de participación cidadá para que funcione realmente. Hai que ofertar máis solo industrial e mellorar o mantemento do actual, amais de crear un plan de emprego para a xente moza, persoas en risco de exclusión social e maiores de 55 anos. Tamén sería importante potenciar o ecoturismo, xa que dispoñemos dun parque natural e dun parque nacional. Igualmente, apostaríamos por habilitar un banco municipal de alugueres comerciais que dispoñan de bonificacións nos impostos municipais”.

Por que son de interese as súas propostas?

“Somos xente de a pé, que día a día está en contacto coa veciñanza, desexando que o novo goberno local aporte un modelo de xestión máis participativo, transparente e áxil que traballe co obxectivo de acadar que Ribeira sexa un municipio atractivo para a sociedade actual”.

Vicente Mariño de Bricio – Partido Barbanza Independente

Vicente Mariño

Problemas

“Botamos en falta máis mantemento nas rúas e estradas, máis e mellores sinais verticais e no pavimento e máis e mellores roces nas marxes das vías. Logo está o problema da circulación, que é pésima. Ribeira está illada das parroquias e non hai onde aparcar, e o que hai, está en mal estado, como en As Abesadas. Tamén botamos en falta máis apoio ao pequeno comercio e á hostalería. Igualmente, hai necesidade de solo industrial. E de máis diálogo coa veciñanza”.

Propostas

“Necesitamos aumentar recursos para o mantemento das vías. Hai que reordenar globalmente o tráfico de Ribeira, non por barrios ou rúas, senón integralmente. Temos que reestruturar a zona azul e amarela actual, ao mesmo tempo que se ofrecen novas prazas de aparcamento e se acondicionan as existentes”.

Por que son de interese as súas propostas?

“Vemos que Ribeira está illada, tanto das súas parroquias como do entorno. Non se pode circular nin aparcar. Hai que limpar e rozar e ofrecer unha imaxe máis axeitada. Hai que conectar a cidade coas parroquias e é importante, como dixen, crear solo industrial: sentarnos todos a buscar unha solución e facer que esta avance”.

Xurxo Ferrón Vidán – Suma Ribeira

Xurxo Ferrón

Problemas

“A xénese de Suma Ribeira está nun grupo diverso de persoas que trabamos coñecemento nos movementos sociais. Chegamos á conclusión de que existía un espazo político que ninguén ten a intención de ocupar (a última lexislatura en mínoría o PP gobernou máis comodamente que nunca) e por iso ofrecemos unha alternativa que rache cunha maneira de facer política que non ten en conta á veciñanza. Recordemos algunhas actuacións que poden ser sintomáticas: a EDAR, paradigma de escurantismo; a perda dos Campos de Teira, aínda sen explicar; o parque eólico singular do concello que está desaparecido, os problemas de concesión da recollida do lixo…
Os problemas fundamentais son a falla de transparencia, a nula participación, a desigualdade, o empeoramento do benestar social da maioría da veciñanza. a falla de política medio ambiental e por iso falamos de catro alicerces: participación, transparencia, igualdade e benestar social”.

Propostas

“Todas as medidas que propomos están encamiñadas a cambiar a forma de facer política municipal. Partimos do convencemento de que é posible artellar medidas para unha democracia da participación e por iso propomos no programa unha carta dos dereitos dos veciños onde se recollen todos os seus dereitos (información, participación, audiencia, iniciativa, queixas e suxestións, dereito á consulta popular ou referendo, dereito á reunión…), presupostos participativos e medidas de transparencia.
En canto a medio ambiente e urbanismo as medidas irán encamiñadas a facer un concello no seu conxunto mais sustentable, mais amable coa xente, mais harmónico onde se viva mellor. A modo de exemplo, e pensando nas persoas ás que Ribeira non lle ofrece calidade de vida polas súas circunstancias vitais, nesta lexislatura tense que cumprir a Lei de accesibilidade en todo o Concello, establecémolo como prioridade”.

Por que son de interese as súas propostas?

“Ribeira entre tod@s. Este lema recolle o espírito do programa. Nós cremos na veciñanza e por iso queremos que sexa partícipe en todos os asuntos do Concello. É máis, sen a veciñanza implicada sería imposible poñer en marcha as medidas que propoñemos. O programa contén ao redor de 130 medidas. Non é mérito dos que nos presentamos na candidatura, está compartido cunha morea de persoas que de forma desinteresada aportou o seu gran para que fose posible. Aí, nesa participación, reside o verdadeiro valor destas propostas”.

Outros artigos

Falece unha ribeirense de 50 anos atopada no chan da súa casa

Unha muller de 50 anos, cuxa identidade responde as iniciais T.M.M., faleceu esta noite na súa casa da céntrica Rúa Méndez Núñez, de Ribeira. Segundo informa o Diario de Arousa , foi a súa parella a que ao redor das oito do serán chamou o 112 para comunicar que non...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...