Adolfo Muíños – Bloque Nacionalista Galego

Problemas
“A dinamización comercial. Un problema global que nos sacode de xeito importante en Rianxo. Debemos deseñar estratexias para melloralo. Os altos alugueiros dos baixos comerciais tampouco axudan. Tamén sinalo o alto custe do chan industrial público. Tamén importa a falta de determinados servizos sociais como o centro de día. E melloras na rede viaria. E, aínda que fóra das nosas competencias directas, a pesca artesanal e o marisqueo”.
Propostas
“Un plan de dinamización comercial con de inxección de fondos para promover o comercio de proximidade. A reclamación aos donos do solo industrial, Xunta e Ministerio, de rebaixas importantes e creación de naves de alugueiro. Como Concello xa temos establecidas bonificacións en impostos a quen xere emprego, incluídos autónomos e empresas no polígono e no municipio en xeral.
No que atinxe o centro de día a compra do Pazo de Rianxiño e a súa posta a disposición da Xunta para crear un centro de día público. No que atinxe ao viario estamos realizando actuacións de saneamento e abastecemento que contemplan a reposición do firme, medida que imos seguir estendendo. Propoñemos unha suba importante nestas actuacións nos proxectos da deputación e nos orzamentos”.
Por que son de interese as súas propostas?
“Con constancia e traballo imos resolvendo os problemas día a día. Hai melloras feitas en todos os ámbitos. A transparencia e o diálogo son claves do noso quefacer diario. Creo que á cidadanía pode interesarlle a nosa aposta por ser solventes primeiro para encarar con garantías as actuacións”.
Germán Allut – Partido Popular

Problemas
“O endebedamento é un dos grandes problemas, co que terá que cargar a corporación entrante. Por exemplo, abonar o crédito de 1,5 millóns de euros pola compra do pazo, pagar aos provedores en torno a 1.146.000 euros, ao que cómpre engadir 200.000 polo crédito para iluminación… e máis que pode aparecer.
É necesario activar o comercio, mellorar as comunicacións, impulsar o polígono, o saneamento integral e a atención á terceira idade, amais de dinamizar o turismo e incrementar a poboación”.
Propostas
“Pagar aos provedores en menos de 7 meses, e é que moitas familias dependen da solvencia económicas destas empresas. Tamén hai que aplicar bonificacións no IBI, no IAE e no ICIO, para facilitar a instalación de novos negocios. Sería positivo crear unha oficina de atención ao comercio, asesorando ás empresas e axudándoas na captación de axudas. Hai que poñer en valor o náutico propoñendo una nova sede que albergue todo tipo de servizos e consiga atraer usuarios durante todo o ano.
Tamén é necesario intensificar a limpeza dos areais e mellorar os seus equipamentos, fortalecer o sector hostaleiro, impulsar os distintos deportes que se practican na vila e conseguir financiamento para facer posible e visible o centro de día (incluíndo a súa adhesión ao Centro Galego de Igualdade e Benestar).
É preciso incrementar os horarios da gardería e o servizo a domicilio aos nosos maiores. Tamén habería que crear unha brigada con base fixa para roces e limpeza”.
Por que son de interese as súas propostas?
“Son propostas específicas que non enganan a ninguén. Cremos que somos a mellor opción de goberno. Xa está ben de agardar a que se faga nos catro derradeiros meses dunha lexislatura o que no se fixo en catro anos”.
Sara Resúa – Ciudadanos

Problemas
“Nós cremos que os principais problemas actuais do concello de Rianxo residen nas infraestruturas viarias (que, ou non existen ou non contan cun coidado e cun mantemento axeitado), nas carencias en saneamento, no Plan Xeral de Ordenación Municipal (que a día de hoxe aínda non está aprobado), nos servizos sociais, no turismo e no emprego”.
Propostas
“Mellorar as infraestruturas viarias e o alumeado. Axilizar os trámites nos servizos sociais, para que cheguen canto antes ás familias máis desfavorecidas. Facer revivir o turismo do concello, que ten un enorme potencial neste ámbito, e impulsar o comercio local axudando ás veciñas e veciños que se esforzan por sacar adiante Rianxo.
Queremos, tamén, darlle un empurrón ao polígono industrial, por exemplo coa creación de viveiros de empresas.
Tamén é importante conseguir unha taxa de saneamento local do cen por cen, en todo o territorio municipal”.
Por que son de interese as súas propostas?
“Ante todo, porque temos entre mans un programa real, que se pode levar a cabo, que ten medidas prácticas cuxa utilidade está á vista de cada quen. Non apostamos por grandes proxectos faraónicos, senón por pequenos proxectos e accións que melloren o día a día de todas as veciñas e veciños do Concello de Rianxo”.
Julián Bustelo – Rianxo en Común

Problemas
“Os principais problemas son a falta de emprego e de oportunidades. Isto expulsa á xente nova fóra do noso concello. Cada vez son máis os comercios que pechan na vila, á vez que seguimos tendo un polígono industrial paralizado e un entorno rural esquecido, no que, no canto de artellarse as medidas necesarias para xerar riqueza e fixar poboación, non sequera se cumpren uns servizos mínimos. Rianxo é o municipio da comarca que máis poboación perde, e a maior velocidade.
Propostas
“Promover as empresas e iniciativas. Hai que impulsar o parque empresarial e ao noso tecido comercial. Estudaremos a demanda potencial de parcelas menores cás que se ofertan e, no seu caso, instaremos á Sociedade Solo Empresarial do Atlántico, titular do parque, a dividir algunhas das existentes, dotándoas ao tempo das comunicación e servizos correspondentes. Impulsaremos un espazo de coworking, un espazo de titularidade municipal no que se faciliten despachos, servizos e asesoramento, a quen non se pode permitir alugar un local. Poremos en marcha unha liña de micro-créditos, a xuro 0, para que quen ten unha idea empresarial conte co respaldo do Concello.
Para reactivar o rural, crearemos un Banco de Terras Municipal, para que quen o desexe, poida traballar terras de cultivo que a día de hoxe se atopan en desuso, e acompañaremos isto de bonificacións para que os propietarios de fincas cultivadas teñan dispositivos para a prevención de ataques de xabarín”.
Por que son de interese as súas propostas?
“Rianxo en Común é un espazo de encontro da cidadanía aberto á participación de quen queira colaborar na construción dun Rianxo mellor, máis transparente e participativo, máis limpo, do que a nosa mocidade non teña que marchar”.
María del Carmen Figueira – PSdeG-PSOE

Problemas
“Un concello coma o noso, que conta con moito atractivo turístico e cultural, necesita un comercio local moderno e dinámico, variado e atractivo para residentes e visitantes. Nestes momentos o comercio local está en decadencia porque podemos ver moitos locais pechados.
O asentamento de empresas no polígono de Te, a pesares das bonificacións adoptadas polo concello, non é o que todos desexamos.
Ademais, non todos os domicilios teñen saneamento e abastecemento de auga potable, servizos necesarios para o coidado do noso medio ambiente e para a comodidade da veciñanza. É necesario solicitar a repotenciación da luz en varias zonas porque aínda hai casas que non teñen a potencia suficiente para que lles funcionen con normalidade os electrodomésticos básicos”.
Propostas
“Respecto da revitalización do comercio local, hai que explorar a posibilidade de outlets, formación para a implantación das novas tecnoloxías para a venta e o marketing. Tamén hai que facilitar o asentamento de empresas no polígono, como a posibilidade de fraccionar as parcelas ou construír naves para aluguer.
Por que son de interese as súas propostas?
“Porque nos parecen que son realistas e realizables. Seguro que coinciden con nós na importancia de encontrarlle solución porque o tema do emprego nun concello é moi importante. É un dos factores básicos para fixar poboación e que a xente que vive nun territorio estea a gusto.
Debemos garantir que a nosa cidadanía teña os servizos máis axeitados para que podamos vivir o máis comodamente e de acordo aos tempos nos que vivimos”.
Mª Xosefa Comojo – Compromiso por Galicia

Problemas
“A principal problemática no concello é o emprego. Ademais, non existen servizos asistencias á terceira idade e non hai control na administración local”.
Propostas
“Avogamos por poñer en funcionamento a instalación do antigo Pazo de Viturro para o centro de día, centro de atención de persoas con alzhéimer e xeriátrico de Rianxo. Ademais, cómpre darlle cobertura ao Liceo para ser un centro social de maiores e axilizar servizos sociais para unha mellor atención aos rianxeiros.
Hai que favorecer a transparencia, facer rendible a administración local e levar a práctica un manual de boas prácticas no Concello.
No que se refire ao comercio local e a hostalería, propoñemos facilitar licenzas de apertura e crear bolsas de aluguer para o comercio, amais de buscar estratexias para atraer clientela. Tamén apostamos por darlle contido ás casas museo sen que perdan identidade.
En cuestión do mar e o monte, hai que elaborar un plan urxente de recuperación forestal con autóctonas, crear cuadrillas de limpeza para todo ano e promover a repoboación das aldeas abandonadas. Tamén avogamos por promover Rianxo como porto base da práctica de deportes náuticos. Amais, queremos recuperar o antigo cine e a sala de baile e achegar mellores parques infantís para a nenez e a xuventude”.
Por que son de interese as súas propostas?
“O noso grupo e a súa razón de ser veñen dados pola necesidade de estar sempre mobilizadas e mobilizados para reivindicar melloras claras a prol da mellora de Rianxo e a calidade de vida da súa xente”.