Os programas electorais para A Pobra

22 Maio 2019

Xosé Lois Piñeiro – Nós Pobra

Xosé Lois Piñeiro

Problemas

“Son moitos os problemas, pero o descenso demográfico é o que máis nos preocupa porque resulta máis complicado solucionalo. Fixar poboación é un obxectivo transversal en todas as nosas políticas”.

Propostas

“Mellorar os servizos a disposición das familias. Seguiremos co servizo de conciliación todos os días non lectivos e laborables do ano. Propoñemos novas medidas concretas, como o bono gardería ou o bono de alugueiro para familias con nenos/as menores de 3 anos, que esperamos teñan un impacto na taxa de natalidade do noso municipio”.

Por que son de interese as súas propostas?

Porque están pensadas para as persoas, porque xorden da participación directa de moitos veciños e veciñas que nos achegaron as súas propostas, porque poñen o interese público por riba de todo. Son serias, realizables e coa dose necesaria de creatividade para solucionar problemas complexos. Os servizos básicos e as axudas sociais son preferentes. Contamos con propostas que farán que A Pobra se sitúe na vangarda en todos os eidos”.

Manuel Durán – Partido Popular

Manuel Durán

Problemas

“O principal problema é o deixamento e o abandono que sufriu o noso municipio durante este catro últimos anos: as rúas están sucias, o mobiliario urbano mete pena (a maioría dos bancos do noso tan prezado xardín están rotos), boa parte dos farois do parque do Castelo non teñen luminaria, as cunetas non se limpan…”.

Propostas

“Propoñemos, entre outras cousas, xerar emprego. Por iso é polo que queremos realizar a terceira ampliación do polígono industrial e mellorar e optimizar os usos e servizos dos portos comercial e pesqueiro. Apoiaremos a posta en marcha de empresas e comercios facilitando todos os trámites e mesmo reducindo e eliminando as taxas para todos os negocios que se instalen aquí ou que amplíen instalacións. Tamén apostaremos de cheo por un turismo sustentable e de calidade durante todo o ano”.

Por que son de interese as súas propostas?

“Porque temos un programa moi meditado e moi traballo e porque cremos que se trata dunha iniciativa de propostas moi ambiciosa á par que realista. Somos un grupo de persoas que entramos na política para traballar por e para as nosas veciñas e os nosos veciños. Non hai outro partido que poida xestionar os recursos de maneira máis eficiente e eficaz. Queremos recuperar a dinámica que había antes, tanto económica como cultural. Non queremos enganar a ninguén. Vimos a traballar, que é o mellor que sabemos facer”.

Ramiro Ouviña – Bloque Nacionalista Galego

Ramiro Ouviña

Problemas

“Na Pobra do Caramiñal vimos sufrindo dende hai anos un devalo de poboación que ten como consecuencia un esmorecemento comercial e de actividades. Entre 2006, último ano cun censo por enriba dos 10.000 habitantes, e 2018, o noso Concello perde unha media de 51 persoas por ano. Son cifras inaceptábeis”.

Propostas

“Dirixiremos todos os nosos esforzos en deter esta tendencia e volver á senda do crecemento demográfico. De xeito decidido acometeremos a construción de infraestruturas que afectan directamente á natalidade, como é unha escola infantil pública, e programaremos actividades de conciliación todo o ano. Traballaremos por conseguir máis solo empresarial e programaremos actividades de formación e emprego, como obradoiros. Imos aplicar medidas e incentivos fiscais e de abaratamento da vivenda, en especial a de aluguer, poñendo en valor as vivendas ociosas que hai na Pobra”.

Por que son de interese as súas propostas?

A diagnose do problema da perda de poboación é compartida por cada unha das persoas coas que falamos, e facémolo con moitas ao longo do ano. Saben tamén que o feito ata o de agora foi inútil e que as medidas que nós propoñemos ou nunca se aplicaron ou se aplicaron mal. Por iso confían nun goberno do BNG e nas nosas solucións.

As mulleres e homes desta vila e desta comarca coñecen moi ben as espectaculares posibilidades da Pobra. É posíbel que sexa o mellor lugar para vivir de toda a Barbanza. O BNG vaino pór en valor”.

Patricia Lojo – PSdeG-PSOE

Patricia Lojo

Problemas

“Mellorar o Centro de Saúde, solucionar a falta dunha escola pública de 0 a 3 anos, a ausencia de asentamento do emprego e o descenso da poboación”.

Propostas

“Xestionar coa Xunta as carencias do Centro de Saúde. Ten moi bo emprazamento pero non está en boas condición, nin dotado dos servizos necesarios para que sexa totalmente eficaz, e cómpre traballar coa Consellería de Sanidade para que non dependa de Ribeira senón da Pobra.

Queremos ter unha escola pública, e que non todo quede en palabras senón en feitos. Non nos vale de nada unha gardería que está feita, pero nin e gratuíta, nin está aberta, nin e para todos os cidadás da Pobra.

Hai que crear emprego e dar servizos. Cando a xente ten un posto de traballo e pode conciliar coa súa familia non ten que marchar do sitio onde leva vivindo e traballando toda a vida. Traballar polo emprego e traballar para frear o despoboamento.

Tamén temos que coidar o noso rural durante todo o ano, non soamente en épocas de eleccións, senón con persoal traballando durante o ano para que a xente do rural non se sinta abandonada”.

Por que son de interese as súas propostas?

Porque melloran a calidade de vida de todas as veciñas e veciños, porque apostamos polo crecemento, por avanzar cara a diante, e saír do estancamento. Somos un equipo novo, renovado, que dende a humildade e a ilusión quere traballar para o benestar do noso concello.

Porque queremos unha Pobra igualitaria, unha Pobra mais xusta, unha Pobra do benestar social.

Somos persoas valentes, responsables e con compromiso, que xa vimos loitando en diferentes áreas, poñendo os problemas dos demais sempre por diante.

Damos un paso adiante porque somos capaces da facer da Pobra un lugar mellor, un lugar onde haxa futuro, emprego e futuro para a nosa xente nova”.

Outros artigos

A Pobra do Caramiñal mostra xa ao Valle-Inclán máis íntimo

A cesión de obxectos persoais e mobiliario do Pazo da Mercé onde residiu o autor, xunto á súa biblioteca persoal, completa a colección do seu museo na localidade coruñesa. O pleno do concello da Pobra do Caramiñal aprobaba esta mesma semana unha corrección de erros...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...