Padrón, elixido “Pueblo Mágico de Galicia” tras obter case a metade dos votos da comunidade

O municipio reuniu o 49,2 por cento das votacións rexistradas en Galicia

A elección realizouse mediante unha votación aberta entre o 3 e o 10 de novembro, na que se rexistraron máis de 145.000 participacións en todo o Estado. En Galicia contabilizáronse arredor de 13.000 votos, dos que Padrón obtivo o 49,2 %, é dicir, uns 6.300 apoios, situándose como o municipio máis votado da comunidade.

O municipio de Padrón vén de ser recoñecido como Pueblo Mágico de Galicia, un título que consolida a vila como un dos destinos culturais e patrimoniais máis destacados da comunidade. A distinción, promovida pola Rede de Pueblos Mágicos de España e polo Instituto de Desenvolvemento Local e Estudos Sociais (IDL), destaca aqueles concellos que sobresaen pola protección e divulgación do seu patrimonio, a promoción da cultura local e o compromiso co desenvolvemento sostible.

Desde o Concello de Padrón expresaron o seu profundo agradecemento á veciñanza, asociacións, colectivos, centros educativos, profesionais e persoas de toda Galicia que apoiaron e difundiron a candidatura. O consistorio destacou tamén a colaboración de entidades amigas, como o Ayuntamiento de Arjonilla, polo seu respaldo durante o proceso.

Con este recoñecemento, Padrón reforza a súa presenza na Rede de Pueblos Mágicos, da que forma parte desde novembro de 2024, sendo a primeira localidade da provincia da Coruña en incorporarse a este selo de calidade turística e cultural. O título supón, ademais, un impulso á promoción do patrimonio, do turismo sostible e da cultura local, converténdose nunha ferramenta estratéxica para poñer en valor a singularidade do municipio.

Skills

Posted on

17 Nov 2025