Representantes do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez e Ramón Fernández, e na Deputación da Coruña, Xosé Penas e Sol Agra, así como edís dos concellos que pertencen á Mancomunidade Serra do Barbanza, reuníronse este martes co comité de empresa da planta de reciclaxe de Servia, en Lousame, para coñecer de primeira man a situación de emerxencia derivada das múltiples problemáticas que azoutan as instalacións.

Neste sentido, o BNG vén solicitando desde fai anos que se invistan orzamentos para o mantemento da maquinaria da planta de tratamento do lixo de Lousame, de igual forma que se fai con outros modelos como o de Sogama, en Cerceda. Así mesmo, a formación nacionalista tamén vén demandando a necesidade, en cumprimento cos estatutos da Mancomunidade, de acometer reunións dos órganos colexiados (Xunta Xeral e Asemblea) para tomar decisións a respecto do remate do contrato da concesionaria, do estado das instalacións, da entrada de novos socios, da aprobación das contas ou da adaptación do modelo á nova normativa, entre outros problemas graves como a colmatación do vertedoiro.
A deputada Rosana Pérez insistiu “no apoio explícito que o BNG deu sempre ao sistema de recollida de lixo que se puxo en marcha na Mancomunidade Serra do Barbanza, porque consideramos que é un modelo alternativo a Sogama moito máis sostible”. “É imprescindible o apoio orzamentario para adaptarse ás novas exixencias da Unión Europea, co que a planta podería conseguir aínda mellores números en reciclaxe”, engadiu Pérez.
Pola súa parte o deputado Ramón Fernández, “Mon”, responsable da área de economía e industria do BNG mostrouse alarmado ante a situación de abandono das instalacións. “É incrible que os traballadores e as traballadoras sexan os que teñan que estar sufrindo este desleixo por parte das sucesivas Presidencias da Mancomunidade, vese ben que nunca pasaron por esta planta, pois senón caeríaselles a cara de vergoña, non se pode consentir que se traballe nestas condicións, é perigoso ademais de indigno”, afirmou o nacionalista.
A representación dos traballadores explicou que a mala xestión está encarecendo os costes do tratamento do lixo, non só polo esgotamento da concesión a FCC e a ausencia duns novos pregos de contratación, senón tamén pola necesidade de transportar o lixo a Sobrado do Monxes, a centos de quilómetros, pola colmatación do vertedoiro.
O responsable comarcal do BNG na Mancomunidade Ricardo Suárez, explicou que o BNG “levará aos concellos mocións para exixir á Presidencia da Mancomunidade que convoque a Xunta Xeral e a Asemblea para tratar a situación da planta, tanto o estado das instalacións como a dación de contas e os pasos que se van dar para adaptar o modelo á nova normativa, así como para apostar por vías de colaboración coa Xunta que garantan a continuidade e viabilidade da planta e dos máis de 150 postos de traballo que dependen das instalacións”.



