Xa se recolleron 3.560 quilos de granulados plásticos a través do dispositivo autonómico contra o vertido do “Toconao”

24 Xaneiro 2024

Este mércores 24 de xaneiro a Consellería de Medio Ambiente da Xunta fixo un novo reconto dos traballos que acompañan o dispositivo despregadonas praias e no mar para a recollida dos granulados perdidos polo mercante Toconao. Segundo se fai saber no balance, o dispositivo “permitiu recuperar ata o momento 3.560 quilos deste material, o equivalente a algo máis de 142 sacos”. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais preto de 11.800 quilos doutros plásticos asimilábeis a residuos urbanos.

No balance engádese que “no día de onte, o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias algo máis de 16 quilos de pélets plásticos, o equivalente a algo máis de medio saco deste material, así como 593 quilos doutro lixo que pode depositarse no contedor amarelo”.

A maiores, desde o inicio do operativo os efectivos da Xunta contabilizaron a recollida doutros 1.272 quilos de bólas plásticas, o equivalente a preto de 51 sacos, froito do labor dalgúns voluntarios -que entregaron a pé de praia as cantidades obtidas ao finalizar as súas xornadas de traballo- ou dos sacos recuperados enteiros ou case cheos polos concellos e que foron retirados nos últimos días pola Administración galega para o seu traslado a un punto de almacenaxe.

No día de hoxe o operativo de vixilancia, detección e limpeza nos areais está a traballar en 38 praias pertencentes a 21 concellos.

Neste sentido, os técnicos do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGALl) reuniranse esta tarde para analizar o traballo realizado ata o momento, avaliar a situación actual e determinar os seguintes pasos a dar na xestión deste episodio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.