
A Deputación da Coruña vai dar un novo impulso ao seu servizo de Teleasistencia co comezo do novo ano. Así o deron a coñecer este martes 23 de xaneiro o presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso, e a deputada responsábel da área de Política Social, Mar García Vidal, durante unha visita ao Polígono de A Grela (A Coruña) a central desde onde a institución provincial presta o seu servizo de Teleasistencia Domiciliaria (TAD). Este servizo, por certo, chega xa a todos os concellos do Barbanza, sendo 532 persoas as usuarias do mesmo nos nosos municipios (con Ribeira, Boiro, Rianxo e Outes á cabeza, con 108, 92, 82 e 69, respectivamente).
Na súa visita á Grela, Formoso destacou que “a día de hoxe, a Teleasistencia da Deputación acompaña durante as 24 horas, os 365 días do ano, a 3.846 persoas maiores en 90 concellos da provincia, ofrecendo tranquilidade para elas e as súas familias”.
Segundo engadiu, o servizo ampliou a súa cobertura á cidade de Ferrol e, ademais, “estamos despregando un novo servizo de Teleasistencia Avanzada, que xa utilizan preto de 200 persoas e que vai a ir substituíndo progresivamente o clásico colgante co botonciño vermello por un moderno reloxo que xa non está vinculado ao teléfono, o que permite maior autonomía e liberdade de movemento aos usuarios e novas funcionalidades como por exemplo a xeolocalización, que son moi útiles en caso de caída ou accidente”.
Formoso destacou que “nunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural, é fundamental un servizo coma este” e incidiu en que “o noso obxectivo é seguir levando a Teleasistencia da Deputación cada día a máis persoas, como os 119 ferroláns e ferrolás que xa usan este servizo, do que estamos profundamente orgullosos porque sabemos que é útil e mellora a vida das persoas”.
O presidente eloxiou tamén “o gran traballo que realizan as operadoras para acompañar aos nosos maiores que viven sós e dar tranquilidade ás súas familias, que saben que se pasa algo hai alguén pendente ao outro lado do botón vermello durante as 24 horas do día”.

Unha asistencia de balde a través dos servizos sociais dos concellos
González Formoso engadiu que a Teleasistencia da Deputación é gratuíta para os usuarios, cuxo perfil tipo é o dunha muller maior de 80 anos que vive soa, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional. “Calquera persoa pode acceder demandándoo a través dos servizos sociais do seu concello”, dixo.
Carballo, con 215 persoas usuarias, Narón (213), Malpica (127), Oleiros (125), Ferrol (119), Ribeira (108) e Arzúa (99) son os municipios da provincia que contan con maior número de usuarios do servizo de Teleasistencia.
No seu balance, o presidente provincial sinalou que as teleoperadoras “realizan todos os días arredor de 510 chamadas de control desde a central co obxectivo de interesarse sobre o estado de saúde da persoa usuaria ou lembrarlles a hora da medicación”. O ano pasado, a central rexistrou un total de 186.281 chamadas.
Ademais, os usuarios e usuarias poden chamar á central durante as 24 horas no caso de emerxencias ou accidentes ou, simplemente, cando queiran falar coas operadoras.
A información de cada usuario ou usuaria queda rexistrada nun programa informático, co que se crea un expediente individualizado que permite un seguimento máis completo e eficaz.
O teléfono de información para solicitar a Teleasistencia Deputación é o 900 533 027.
Persoas usuarias no Barbanza
Boiro
92
Carnota
23
Lousame
18
Mazaricos
22
Noia
42
Outes
69
Pobra do Caramiñal (A)
48
Porto do Son
28
Rianxo
82
Ribeira
108
Total
532



