
O PSdG de Rianxo presentará unha moción no vindeiro pleno co ánimo de recuperar a xestión da Casa do Mar e así poder culminar o proxecto da Casa da Música.
O voceiro do PSdG de Rianxo, Óscar Rial, presentou unha moción o día 12 de xaneiro de 2024 para instar ó Goberno de Rianxo en Común a que solicite á Tesourería Xeral da Seguridade Social a xestión da Casa do Mar mediante un modelo de adscrición, e non mediante o modelo de cesión, vixente ata o 2028, e que “daría a posibilidade de acometer as obras pendentes e finalizar un proxecto importante para Rianxo”, sinalou o voceiro, lembrando que a día de hoxe a Casa do Mar ten o mesmo nivel de actividade que en 2012, coas excepcións de utilización de Clubes e Servizo de Obras, seguindo tamén operando a Oficina do ISM:
-Soto. Actualmente “almacén de obras”.- valados, sinais, etc.
-Primeiro andar. Inutilizado agás a cesión de almacéns a 2 clubes de Rianxo: CB Rianxo e CV Rianxo.
-Segundo andar. Inutilizado.
.Terceiro andar. Inutilizada a ala norte, xa que non se imparten cursos en Rianxo, quedando en uso só a oficina que o ISM ten en Rianxo.
Os socialistas rianxeiros lembran que o acordo inicial data de 2012 e a día de hoxe a situación “é a mesma”, din, criticando ao Concello que, segundo engaden, “declina facer calquera actuación, incluso de adecentamento para favorecer a pouca activiadade que en ela se pode desempeñar”.
Para o PSdG de Rianxo “este é un proxecto importante, xa que daría resposta o tecido asociativo e cultural de Rianxo, daríalle capacidade organizativa á Escola de Música de Rianxo, e potenciaría os locais de ensaio que aí hai proxectados, permitindo tamén liberar o uso do Pazo de Rianxiño, utilizado polo Goberno de Rianxo en Común, como o caixón desastre”.
Oscar Rial, voceiro do PSdG Rianxo, considera necesario “desatascar” 290.000 euros que a día de hoxe están invertidos nese edificio, e demorar toda actuación nel, o que implicaría volver corrixir obras que xa estaban feitas e incrementaría o custe de calquera situación futura.
“A execución desta obra”, sinalan, “permitiría adecentar o entorno da mesma, e vincular este proxecto a culminación definitiva das Casas dos Mestres como vivendas sociais, outro proxecto encallado polo actual Goberno e que debería ser prioritario para Rianxo”.
Dende o PSdG, apuntan que “somos coñecedores do estado actual do edificio da Casa do Mar, referente as deficiencias estruturais que carrexa, por iso instamos ao Concello de Rianxo a establecer unha negociación coa Tesourería do Estado, para establecer un acordo favorábel de adscrición”.
Tamén fan saber que mentres non se avance neste acordo, “sería de interese, por operatividade, e por imaxe de Concello, e tamén por responsabilidade que o Clube Baloncesto Rianxo e o Clube Voleibol de Rianxo tivesen un espazo adecuado e permanente para desenvolver a súa labor de clubes”.
E conclúen: “Dende o PSdG de Rianxo queremos que o Concello tome a decisión de xestionar ese edificio de forma integral e para iso propoñemos que manteñan reunións coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e cambiar o modelo de cesión pola adscrición do inmóbel Casa do Mar”.



