ADEGA reclama que sexan os criterios obxectivos os que activen o Plan CAMGAL, e non decisións políticas

15 Xaneiro 2024

O presidente de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), Roi Cuba, reuniuse esta mañá coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para transmitirlle a preocupación do movemento ecoloxista galego ante o que cualificou de “falta de reacción temperá, de transparencia e información e dunha xestión adecuada por parte da Xunta de Galiza diante do recente episodio de contaminación mariña por mor do vertido de granulados plásticos”.

Roi Cuba, acompañado polo secretario xeral de ADEGA, Froilán Pallín, e da secretaria executiva, Belén Rodríguez, reclamou á consellaría de Medio Ambiente unha serie de reivindicacións para a prevención futura da contaminación mariña e para unha resposta máis áxil e transparente do Goberno galego. Entre estas reivindicacións figura a revisión do plano CAMGAL de resposta fronte contaminación mariña accidental. Segundo lembrou, a súa activación actualmente depende da decisión política do goberno de quenda e “non de causas técnicas ou obxectivas”. Neste senso, dixo, “cómpre revisar o procedemento de aplicación, así como activar un comité científico permanente destinado a avaliar os riscos de futuros eventos contaminantes no mar no que estea representado o ecoloxismo galego, a través da Federación Ecoloxista Galega”.

Outra das condicións esenciais dunha correcta xestión dos vertidos mariños, segundo ADEGA, é “contar cunha información pública constante, rigorosa e veraz sobre accidentes/incidentes marítimos, así como da previsión ou evolución dos posíbeis vertidos, zonas afectadas, natureza dos residuos, etc..” Seguindo este fío, ADEGA solicitou á conselleira de Medio Ambiente que “poña a disposición do público xeral un portal web de información permanente, en tempo real ou cuase-real, sobre vertidos mariños e a calidade das augas, de xeito similar á que usa a Comisión Europea para informar dos lumes forestais, na plataforma web EFFIS (European Forest Fires Informativo System)”. Segundo a asociación, “a posta en marcha dun sistema de información en rede sobre este tipo de incidencias permitiría tamén que as ONGs e concellos recibamos as alertas ao mesmo tempo que os organismos administrativos responsábeis (Salvamento Marítimo -Ministerio, Consellaría do Mar, Medio Ambiente…) o que sería de grande axuda para organizar con tempo as eventuais accións de voluntariado que puideran ser necesarias, chegado o caso”.

En terceiro lugar, ADEGA considera determinante que “a Xunta amose e demostre unha absoluta vontade de colaboración e coordinación con outras administracións competentes, como os concellos ou o goberno do Estado, para afrontar coa maior celeridade e eficacia os labores de detección, vixilancia, control e eliminación dos vertidos contaminantes, sendo especialmente importante que nestes casos se poñan os intereses públicos e a preservación do ben común e do medio ambiente por diante dos intereses partidistas”.

En canto ao voluntariado ambiental, ADEGA tamén apreciou deficiencias de xestión e lentitude na resposta: “A Xunta tardou en proporcionar á cidadanía dun protocolo de limpeza e dunhas instrucións claras actuación. Tampouco se dispoñen dos medios e recursos necesarios, deixando en mans de organizacións ecoloxistas a responsabilidade de informar ao voluntariado de como proceder adecuadamente para limpar as praias”.

A asociación laiouse de que “o plano CAMGAL non publicase o seu protocolo para voluntariado en praias ata dez días despois de activarse, logo de que ADEGA compartise o seu, o que provocou que boa parte da marea de voluntarios e voluntarias que se achegaron nun inicio ás praias o fixeran de forma caótica e sen as debidas precaucións para evitar maiores afeccións sobre as zonas a limpar e sobre a súa propia saúde”. ADEGA propuxo á conselleira “establecer un acordo de colaboración para a custodia ambiental do litoral galego ao longo de todo o ano e unha xestión adecuada do voluntariado contra o lixo mariño, que permita concienciar e sensibilizar sobre a contaminación crónica dos nosos mares e praias”. Tamén lle solicitou apoio inmediato para favorecer a participación ordenada do voluntariado que se ofrece a axudar diante da actual crise ambiental.

ADEGA advertiu a Ánxeles Vázquez “do risco que o vertido de granulados plásticos ten para a preservación dos espazos naturais protexidos do litoral”, e instou á conselleira a “prestar especial atención a eses espazos nos labores de vixilancia, control e eliminación de microplásticos”. Chamou a atención sobre a necesidade de priorizar as actuacións nas zonas de cría da píllara das dunas, unha especie protexida e vulnerable, que habita os areais galegos e que en mes e medio comezaría a criar nas dunas.

Outra das peticións de acción inmediata é que a consellaría de Medio Ambiente dea instrucións claras a todos os concellos litorais para que “cesen no uso de maquinaria pesada para a limpeza das praias, xa que se estaría agravando a situación dos areais, ao soterrar os granulados, compactar a area das praias e retirar innecesariamente xunto cos residuos elementos naturais que son imprescindíbeis para a biodiversidade litoral”.

Pola súa parte, a Conselleira de Medio Ambiente Vázquez, acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a directora xeral de Calidade ambiental, Sagrario Pérez, informou a ADEGA sobre o alcance que están a ter os labores de limpeza promovidos pola Xunta nas praias galegas. Indicou que actualmente case 350 operarios de Tragsa e persoal propio están a actuar en 62 areais, e tamén achegou datos sobre o material recollido xa. Vázquez transmitiu aos representantes de ADEGA a súa vontade de colaborar coa organización ecoloxista na coordinación e no apoio dos labores de limpeza con voluntariado.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.