
A Consellería de Medio Ambiente fixo un novo balance do acadado polo dispositivo despregado nos últimos días pola Xunta para a recollida de granulados nas praias e no mar, perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas. Este dispositivo, segundo fixo saber a conselleira Ángeles Vázquez, “permitiu recoller xa case o dobre de plásticos asimilábeis a residuos urbanos que bólas plásticas”. A titular de Medio Ambiente engadiu que “desde a activación do dispositivo a comezos de mes os medios do Executivo galego recuperaron o equivalente a 92 sacos de 25 quilos (2.300 quilos en total), mentres que o resto de plásticos retirados das praias -materiais que comezaron a recollerse o pasado martes- roldan xa os 4.200 quilos”. Sen ir máis lonxe, engadiu, xornada deste domingo o dispositivo mobilizado pola Xunta recuperou o equivalente a cinco sacos -incluído un saco enteiro recuperado polo Servizo de Gardacostas no litoral de Laxe- e sacou dos areais máis de 1.200 quilos doutros materiais compostos por plásticos.
Ánxeles Vázquez explicou que o Goberno autonómico vai solicitar aos concellos que trasladen información das cantidades recollidas polo seu persoal ata este momento e para reforzar a colaboración para optimizar a súa xestión.
A representante do Executivo galego salientou que este luns o operativo de limpeza en terra -composto por máis de 300 efectivos e 56 formadores de voluntarios- estivo a traballar en 63 praias de 30 concellos e a eles súmanse os medios por mar. Neste sentido, o Servizo de Gardacostas ten activados os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte -o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia– e 13 patrulleiras de menores dimensións. Mentres, o Goberno central unicamente mantén activado o avión Rosalía de Castro para facer voos de vixilancia.
Ángeles Vázquez reiterou “a necesidade de que o Executivo central realice unha avaliación de riscos deste episodio para coñecer tanto a situación do contedor de pólas plásticas , por se ten sacos no seu interior, como a dos outros cinco que caeron ao mar”. Ao mesmo tempo insistiu “na importancia de que Salvamento Marítimo do Estado active medios propios para rastrexar o medio mariño posto que os dous sacos enteiros atopados por Gardacostas na fin de semana mostran a transcendencia de recollelos no mar para evitar que se abran e vertan milleiros de partículas pois cada saco son 1,5 millóns de partículas de plástico que poden chegar á costa”.
A representante do Goberno autonómico explicou que as simulacións e previsións de correntes dos próximos días apuntan a que “os granulados deberían dirixirse ao Cantábrico, o que non deixa de ser unha preocupación pois estamos a falar de plásticos que son prexudiciais para o medio ambiente”.
A vicepresidenta segunda tamén avanzou que se está a conformar un comité científico, do que se dará a coñecer mañá a súa composición. De feito, este luns mantivo unha reunión con representantes da asociación ecoloxista ADEGA e mantén contactos con organizacións medioambientais e entidades investigadoras para que realicen propostas de incorporación dos seus representantes -biólogos, científicos ou especialistas na materia- a este organismo de estudo e avaliación de riscos.



