
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu este xoves 11 de xaneiro que “tanto a Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo como a de Transporte inclúan nas súas respectivas normativas a contaminación por microplásticos no transporte marítimo”.
Así o manifestou na Comisión de Medio Ambiente celebrada esta mañá, na que se debateu o informe Previr as perdas de pelets de plástico para reducir a contaminación por microplásticos.
Ana Miranda explicou que “actualmente a normativa europea estase a debater en dúas comisións, na Comisión de Medio Ambiente e na de Transporte”. Na de Medio Ambiente estanse tratando as perdas de microplásticos e a xuízo da eurodeputada nacionalista, “ten que incluír o transporte mariño”. Pola súa banda, na Comisión de Transporte, que está en negociacións nos denominados trílogos coa Comisión, o Consello e o Parlamento Europeo, “existe a posibilidade de incluír tamén os granulados ou pélets como sustancia contaminante” no novo regulamento de transporte marítimo.
“Na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo, que hoxe debatía a proposta do deputado portugués Joao Albuquerque sobre as perdas de microplásticos, o BNG novamente denunciamos esta catástrofe ambiental que se está producindo en Galiza”, explicou a eurodeputada do Bloque.
Por outro lado, Miranda denunciou “a neglixencia que está tendo o Goberno galego a falla de información” e criticou que o Partido Popular galego, español e europeo se negue a incluír o transporte marítimo na mellora da seguridade. “Da mesma forma que o PP está facendo un negacionismo absoluto da catástrofe en Galiza, tamén o está a facer en Europa”, criticou, engadindo que “hai que contar co apoio de todos os grupos e por iso instamos a que a Comisión Europea inclúa o transporte marítimo na perda de bólas plásticas, precisamente para aprender leccións, como se aprendeu a lección tras o Prestige coa aprobación do paquete de seguridade marítima, e que agora se debe aprender do que está pasando na costa galega”, concluíu a eurodeputada do Bloque, quen acadou que o vindeiro xoves, no pleno da Eurocámara que se celebrará en Estrasburgo-, se inclúa un debate sobre a contaminación na costa galega baixo o título Catástrofe ecolóxica recente pola perda perda de pélets de plástico e o seu impacto na contaminación por microplástico nos hábitats marítimos e costeiros.



