
Un veciño do concello de Boiro, de 32 anos, faleceu esta noite despois de precipitarse ao mar o coche que guiaba. Ocorreu no porto de Escarabote.
Un particular avisou de que un coche se precipitara á auga dende o alto do peirao, e aínda que un mergullador local tratou de chegar ata o vehículo, finalmente non se puido rescatar o condutor con vida.
Horas máis tarde os especialistas en actividades subacuáticas da Garda Civil axudaron a estabilizar o vehículo para poder recuperalo coa axuda dun guindastre e recuperar o corpo do falecido. A Garda Civil de Tráfico investiga as circunstancias do sinistro.

O único ocupante do vehículo faleceu ao caer o turismo ao mar e quedar somerxido na auga uns 4/5 metros no porto de Escarabote, en Boiro (A Coruña).
O 112 Galicia recibiu o aviso ás 23:15 horas da noite mediante a chamada dun particular. No seu relato indicaba que un vehículo acababa de caer ao mar no porto de Escarabote.
Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia informaron do sucedido a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro, aos axentes da Garda Civil, a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, ao GES de Padrón e ao GAEM de Ribeira e aos membros de Protección Civil de Boiro.
Con todo, o lamentable suceso sáldase cun tráxico final, unha vítima mortal. As forzas da orde tratan de esclarecer as circunstancias que rodean ao suceso.


