
Francisco X. Fernández Naval, novelista e poeta ourensán afincado na Costa da Morte vai estar esta semana en Noia para presentar a súa nova obra literaria. Trátase do libro Ser Cetáceo. Francisco acudirá á Casa da Cultura de Noia, este martes 19 ás 20.00 horas, acompañado da tamén poeta Eva Veiga.
Ser Cetáceo é unha escolma de coñecementos sobre baleas, cachalotes e golfiños. Editada por Bululú, trátase dun volume de 460 páxinas que, en palabras do dito selo, poderíase cualificar como “unha obra inclasificable, a recompensa dunha vida adicada ao estudo, as reflexións dun experto coñecedor do tema que consegue engancharnos e sorprendernos coa súa capacidade de relacionar todo o que nos define como humanos cuns seres tan especiais e próximos como son os cetáceos, que influíron e inflúen nas nosas existencias dun xeito que nin sequera podemos sospeitar”.
Escrito en primeira persoa, fainos gozar dos seus anos de investigación, das viaxes, da historia (persoal, local e internacional), das empresas e da arte que se crearon ao redor dos cetáceos e guíanos por un percorrido polas principais culturas baleeiras, o seu comercio e industria, a súa cultura…
A entrada será libre ata completar o aforo.



