A patronal boirense (ABE) vén de pór en marcha unha nova edición da campaña de promoción comercial denominada Puntazo de Outono co obxectivo de premiar a fidelidade dos clientes dos negocios asociados. Trátase dunha iniciativa de impulso empresarial e reivindicación do comercio de proximidade que está vencellada ao sistema de fidelización por puntos da ABE, que explica que a partir do 6 de novembro, os clientes que conten con 50 puntos acumulados poden utilizamos para conseguir “un agasallo exclusivo”: un estupendo paraugas extra grande de 16 varas.
Nas bases especifícase que para acumular puntos os clientes deben subir os seus tíckets ou facturas a web da ABE www.abe.gal e acumularán o 10% do importe en puntos ABE para trocar por este premio especial do puntazo que se pode solicitar a partir do 6 de novembro até esgotar existencias. A solicitude realízase dende a propia web da ABE onde tamén se rexistran os puntos e consúltanse os premios.
A ABE lembra que nesta campaña teñen validez tíckets ou facturas de calquera sector (non só do comercio) dende hostalería a servizos, construción ou industria.
Ademais os clientes que xa teñan acumulados os 50 puntos na súa conta poden usalos para conseguir o paraugas e os que aínda non os teñan deben subir os tíckets canto antes para conseguir os puntos necesarios.
A solicitude do premio só pode facerse a partir do 6 de novembro para dar oportunidade tamén a clientes que aínda non rexistraron puntos.
Ademais do premio especial do Puntazo de Verán os puntos pódense trocar por vales de compra (100 puntos por 5€) ou por premios como carros da compra, auriculares bluetooth, cargadores sen fíos e moitos premios mais.
Na web da ABE está tanto o catálogo como a aplicación para rexistrar os tíckets e o formulario para solicitar o cambio dos premios.




