A Asociación Cultural Alberto Romero vén esta tempada con importantes novidades. Por unha banda, convocou a oitava edición do certame de curtametraxes que leva o nome do escritor, divulgador, comunicador e dinamizador cultural palmeirán, cuxo prazo de inscrición abre o 1 de outubro e pecha o 28 de febreiro do ano vindeiro. Temos toda a información relativa ao concurso dispoñíbel na web da asociación. Por outra banda, a asociación organiza en Rianxo, coa colaboración do Concello, varias propostas formativas para os novos talentos audiovisuais da nosa comarca: actividades para converterse en directoras e directoras de cinema e actividades formativas de guión e participación.

Actividades formativas audiovisuais, queres crear a túa propia película?
Días: martes a partir de outubro
Hora: de 17.00 a 18.00 horas
Lugar: Aula activa do Mar de Rianxo
Público: de 7 a 18 anos

Obradoiro audiovisual: guión e interpretación
Dias: sábados 21 e 28 de outubro
Hora: de 12.30 a 14.00 horas
Lugar: Aula activa do Mar de Rianxo
Público: de 7 a18 anos

O certame: categorías e entidades colaboradoras
Volvendo ao concurso de curtas propiamente dito, haberá categorías de Primaria e Secundaria para centros educativos da Mancomunidade Barbanza Arousa, categoría de Diversidade Funcional aberta a toda Galicia e categoría Libre aberta a toda Galicia ou obras en galego no exterior. Tamén unha categoría específica de creadoras e creadores do ámbito de Barbanza Arousa.
O certame conta coa colaboración da Mancomunidade Barbanza Arousa, ANPAs Barbanza Arousa, a Deputación da Coruña, os Concellos de Ribeira e Rianxo, a Obra Social Fundación La Caixa e as empresas da nosa comarca Chicolino e CONGALSA.
As curtas premiadas da Séptima edición foron:
-PRIMARIA: “A RAPAZA DE PLÁSTICO” de Gargallada Teatro do Salustiano Rey Eiras de A POBRA DO CARAMIÑAL
-SECUNDARIA: “COMA” de Lucía Sánchez Varela e Alejandra Santiago Rodríguez do IES Espiñeira de BOIRO
-DIVERSIDADE: “A SEREA MARIÑA” da ASOCIACIÓN AMBAR de RIBEIRA
-BARBANZA AROUSA: “ENCONTROS NO CAMIÑO” de Bandamueca Teatro de A POBRA DO CARAMIÑAL e RIBEIRA
-CATEGORÍA LIBRE: “A ENTREVISTA” de Fernando Tato e Susana Sampedro (FERROL E RIBEIRA) – Kraken Films
As orixes
O certame audiovisual de curtas Alberto Romero naceu como unha iniciativa da ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira no ano 2016, como homenaxe o traballo e dedicación social de Alberto Romero (1961-2015). A esta iniciativa sumáronse inmediatamente as asociacións de nais e pais de San Roque do IES Leliadoura e ANPA do CEIPP de Palmeira, así como a A.C. Lajareu por Barlovento, asociacións das que Alberto formou parte, entre outras.
Co apoio do Concello de Ribeira levouse a cabo a primeira edición en 2017 deste certame na que participaron 19 traballos procedentes dos centros educativos do termo municipal.


